A música disco, que arrasaba nos setenta e comezos dos oitenta, tivo unha fonda implantación en Italia, onde probablemente o éxito que Giorgio Moroder tiña como produtor e músico fixo que se establecese unha forma particular de entender este xénero, que finalmente se acabou coñecendo coa etiqueta de italo-disco. O caso é que a comezos dos oitenta, o país que musicalmente exportara ó mundo grandes cantantes melódicos que facían bandeira do romanticismo tamén se sumaba ós estilos máis modernos cunha fornada de novos artistas moldeados á calor das pistas de baile. Un deles foi Gary Low, que debutou co álbum Go On (1983), onde se atopa un dos seus maiores éxitos, "I Want You", un maxi single de oito minutos aproximadamente, onde a primeira metade é toda instrumental.
Na primeira década deste século, moitos artistas de música electrónica atoparon un revulsivo no "I Want You" de Gary Low. Por exemplo, os dj's franceses Miss Kittin & The Hacker empregaron a base da canción de Low no tema "The Beach", pertencente a First Album (2001). En realidade, Miss Kittin & The Hacker o único que se limitan a facer en "The Beach" é reproducir machaconamente o son de "I Want You" e engadir uns cantos versos de colleita propia, o que evita que "The Beach" sexa unha simple versión da canción de Low.
O mesmo procedemento seguiu o produtor JD Davis, na canción "In My Eyes" (2009) do seu proxecto Sinema, pero polo menos, esta nova canción conta con algo máis de elaboración, xa que se preocupou de escribirlle unha letra durante toda a metraxe.
Outro que tamén aproveitou as bases de "I Want You" é Whashed Out para crear esta vez unha canción moito mái tranquila e relaxante acorde ó estilo deste músico. "Feel It All Around" forma parte do EP Life of Leisure (2009).
Ningún comentario:
Publicar un comentario