Posiblemente Fred Neil non é dos cantautores estadounidenses dos anos 60 máis recordados pola súa traxectoria. Non obstante, Neil compuxo unha das grandes cancións do século XX, "Everybody's Talkin'", do seu degundo álbum Fred Neil (1966). Malia que moitos ignoran que gravou a versión orixinal, a sona que colleu posteriormente este tema na voz de Harry Nilsson fixo que alomenos o nome de Fred Neil non caíse no esquecemento máis absoluto.
En 1968 outro autor estadounidense, Harry Nilsson gravou unha nova versión de "Everybody's Talkin'" para o seu terceiro disco Aerial Ballet, que con toda probabilidade non colleitaría o éxito masivo que tivo se non fose por que foi seleccionada como banda sonora da película "Midnight Cowboy", de xeito que hoxe moita xente para referirse a esta canción fala da banda sonora de "Cowboy de Medianoite".
Dende entón, as versións sucedéronse constantemente, como por exemplo a dos australianos Crowded House, xa que este é un dos tema favoritos de Neil Finn.
Tamén se empregou como sample nalgunha canción. Unha delas é a do produtor Paul Oakenfold que en 2002 aproveitou a melodía de "Everybody's Talkin'" para o seu tema "Starry Eyed Surprise", do álbum Bunkka.
Tampouco desmerece nada a canción de The Go! Team "Everyone's a V.I.P. to Someone" do disco Thunder, Lightning, Strike (2004), un fermoso tema instrumental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario