Durante os últimos anos dos 70 comezou a coller forma un novo subxénero do rock que faría furor nas últimas décadas, ata o punto de ser o referente dunha maneira de entender a vida que non pasa desapercibida. Falamos do rock gótico, que tivo o seu momento álxido hai uns dez anos a nivel comercial. De súpeto parecía que as grandes discográficas descubrían este fenómeno e as radiofórmulas, alomenos en España, enchéronse de grupos de rock cunha estética onde predominaba a maquillaxe escura, malia que moitas desas bandas había anos que estaban en circulación: HIM, Within Temptation, Evanescence foron as que gozaron de maior popularidade, pero abríronlle as portas a outras como Lacrimosa, The Sisters of Mercy e Ghost Dance entre outros, así como o redescubrimento de artistas consagrados como Marilyn Manson, Siouxsie and The Banshees, The Cult e de The Cure. No entanto, este xénero seguramente non se habería de desenvolver do xeito en que o fixo se Peter Murphy non chega a crear en1978 Bauhaus, a banda pioneira do rock gótico. Un dos seus primeiros singles é "Dark Entries", de 1980.
"Dark Entries" é unha das cancións inesquecibles de Bauhaus e serviu de influencia para o grunge, outra corrente do rock que exploraba os sons máis escuros. Hole, a banda de Coutney Love, empregou un riff de "Dark Entries", no tema "Mrs Jones" do álbum de debut das californianas Pretty on the Inside (1991).
Ningún comentario:
Publicar un comentario