A década de 1970 foi das máis produtivas para os sempre inquietos Rolling Stones. Nese período de tempo a banda de Mick Jagger, Keith Richards, Charlie Watts e Ronnie Wood editou os seus mellores discos tras sobrevivir a momentos convulsos dentro da formación coma a expulsión de Brian Jones e o seu posterior falecemento, e o paso fugaz de Mick Taylor, un dos mellores guitarristas que se podía encontrar daquela. Por se fose pouco a ambición dos compoñentes, especialmente dos pesos pesados Jagger e Richards, foi superior ó acomodamento que supuña vir dunha etapa onde xa deixaran algunhas cancións imborrables. Some Girls (1978) é un dos mellores álbums para moitos fans e para boa parte da crítica, que o sitúa nos primeiros postos dos traballos dos Stones. O single que serviu de presentación é o potente "Miss You", co que Jagger e Richards se introducen timidamente nos sons disco que marcaban a música nesa época.
Hai unha versión de "Miss You" por riba de todas as demais. Etta James pousou o ritmo frenético da versión orixinal e converteuna nun moderno blues no álbum Matriarch of the Blues (2000). Poucas versións coma esta están á altura do tema orixinal cun estilo tan diferente.
Pero riff de guitarra de Keith Richards en "Miss You" tamén serviu de inspiración a outros músicos para as súas cancións. Talvez a máis destacada sexa a de Red Hot Chili Peppers "Knock Me Down", do álbum Mother's Milk (1989), que garda algún eco do tema dos Stones.
Ningún comentario:
Publicar un comentario