Incansable como bo músico de rock, Lou Reed non deixou de crear novos discos cando moitos sinalaban que nunca volvería acadar o esplendor dos seus primeiros traballos en solitario tras pechar a etapa de Velvet Underground. Se iso era así, a Reed tanto lle tiña. Afastado dos excesos que case acaban con el e centrado ademais na edición dos seus poemas, a mediados dos anos 90 Lou Reed seguía a facer boa música á marxe de modas e de se volvía estar en primeiro plano da música, como se iso lle importase algunha vez. O certo é que as cancións que ofrece en Set the Twilight Reeling (1996) conteñen aínda o mesmo selo de creatividade e de emoción que o converteron nun dos rockeiros máis admirados das últimas décadas. A canción que titula o álbum ten dúas partes ben diferenciadas, un principio acústico que se vai electrificando cara ó final, onde o tema, despois dunha parte instrumental, cambia radicalmente de ritmo. Sen dúbida, unha das mellores cancións do álbum.
Lou Reed é un referente para toda unha xeración de músicos. Pulp non é unha excepción e mesmo hai veces en que a voz e o estilo co que canta Jarvis Cocker lembra algo ó de Reed. Pódese comprobar en "Sunrise", canción de We Love Life (2001) onde as reminiscencias de "Set the Twilight Reeling" están máis que presentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario