Ás veces a televisión e o cine logran que un artista ou un grupo acaden unha repercusión que sen eses medios non sería posible. A banda californiana Phantom Planet sempre lle estará agradecida á serie xuvenil The O.C. porque grazas a ela a súa popularidade aumentou considerablemente en todo o mundo. Os produtores da serie escolleron o seu tema "California", do álbum The Guest (2002) para ilustrar as aventuras dos protagonistas, asemade que a mesma canción servía de banda sonora para a película Orange County. A decisión de darlle relevancia á canción de Phantom Planet non é casual; tanto a serie como a película están ambientadas en Orange County, un dos lugares máis coñecidos de California e que mellor representa a idea que todos teñen dese Estado da Costa Oeste estadounidense, así que nada mellor que "California", unha canción que canta as virtudes do lugar. Pero antes da canción de Phantom Planet houbo outras"Californias", que segundo moitos, acabaron contribuíndo dalgún xeito á do grupo californiano.
A achega máis evidente que se atopa no tema de Phantom Planet é a de Al Jolson, que en 1924 gravou "California, Here I Come" como parte do musical de Broadway Bombo. Para moita xente "California" pode cualificarse de versión moderna da canción de Jolson porque nalgúns momentos ámbalas dúas soan case igual, a pesar de que a melodía non é a mesma.
Tamén seica se sinala que a canción de Joni Mitchell "California", do álbum Blue (1971) comparte algo máis que o título coa de Phantom Planet. Neste caso apúntase que a melodía da de Phantom Planet ten algo da de Joni Mitchell.
Ningún comentario:
Publicar un comentario