mércores, 26 de marzo de 2014

Green River

Creedence Clearwater Revival, a banda dos irmáns Fogerty, estaba no máis alto da súa carreira en 1969 cando publicaron o terceiro disco, Green River. Co anterior álbum Bayou Country xa confirmaran as boas sensacións que deixaran co debut e, tralo single "Proud Mary", a gran canción de Creedence por excelencia, as cousas non podían ser máis prometedoras, e todo en apenas un ano de verdadeira loucura, que habería de converter á banda de El Cerrito en toda unha referencia do rock dos últimos anos dos 60. En xullo de 1969, un mes antes de que o disco aparecese nas tendas, editaban o single de lanzamento, que ademais lle daba título. "Green River", e que anos máis tarde, lle daría nome a unha das principais bandas de rock alternativo de Seattle, non tardaría en ser considerada unha das cancións imprescindibles de Creedence Clearwater Revival, cun John Fogerty interpretándoa de xeito sublime, e xunto con "Bad Moon Rising" é a mellor canción dun álbum que se completa tamén con outras composicións enormes.


O estilo co que John Fogerty impregnaba as súas interpretacións fixeron que outros intérpretes se fixasen especialmente nel. Só así se entende que grupos máis encamiñados a unha liña pop coma The Hollies recollesen a esencia de Creedence nun dos temas rock máis importantes da súa discografía, o sensacional "Long Cool Woman in a Black Dress", baseado claramente en "Green River". Pertence ó album Distant Light (1971).

Ningún comentario:

Publicar un comentario