martes, 18 de marzo de 2014

The Phantom of the Opera

Gaston Leroux é o autor dunha das obras literarias máis sobresaíntes de comezos do século XX, Le Fantôme de l'Opéra, novela que foi aparecendo por entregas en 1909 e que co tempo, se convertiu nun clásico da literatura universal, debido á forza dos seus personaxes, especialmente o protagonista, o célebre fantasma da ópera parisiense Garnier namorado dunha das sopranos. A historia de Leroux é tan desgarradora que deu para que se fixesen distintas adaptacións, tanto cinematográficas coma teatrais, onde non podían faltar os musicais, e neste eido, un dos máis importantes é o de Andrew Lloyd Webber, que se estreou en 1986. A canción que lle dá título ó musical está interpretada por Sarah Brightman e Michael Crawford, nos papeis de Christine Daaé e do atormentado Erik.


Pero o que ninguén podía esperar respecto ó tema central do musical é que aparecese un músico acusando a Webber de plaxio. Ray Repp, un cantautor que ata o momento da acusación non era coñecido para o gran público, afirmou por tódolos medios posibles que se trataba dun plaxio do seu tema "Till You", do álbum Benedicamus - The Song of the Earth (1978).


O caso acabou nos tribunais e sen fortuna para os intereses de Ray Repp, e iso que unha das probas nas que se baseou a defensa de Webber e que o tribunal acabou rexeitando, foi que "Till You" era á vez un plaxio doutra canción dun musical do propio Webber, "Close Every Door", pertencente a Joseph and the Amazing Technicolor Dreamcoat e que se representou por primeira vez en escena en 1968. En calquera caso, o son de "The Phantom of the Opera" bebería directamente dese tema orixinario.

http://youtu.be/I3JLQXvbApA

Por se fose pouco, a esta polémica sumouse tamén Roger Waters para indicar que se Andrew Lloyd Webber cometeu algún tipo de plaxio en "The Phantom of the Opera" foi do tema de Pink Floyd "Echoes", unha das cancións de Meddle (1971). É certo que a semellanza é bastante clara nalgúns momentos de "Echoes", pero quizais sexa unha esaxeración considerala un plaxio. De todos modos, ninguén de Pink Floyd fixo unha acusación formal contra Webber e Waters prefiriu vingarse facendo algunha referencia ó compositor nalgunha que outra canción.

 http://youtu.be/-KMpZaEF6g0       

Deixando xa de lado a polémica, hai que engadir que o encanto do Fantasma da Ópera atopou unha ampla acollida nas bandas de rock gótico. Malia que os primeiros en dedicarlle unha canción foron os Iron Maiden en 1980, a popularidade que acadou a canción de Andrew Lloyd Webber fixo que grupos coma Lacrimosa, Nightwish, HolyWell e Theatre of Tragedy, por citar algúns nomes, se animasen a versionala. Os mexicanos Anabantha, ademais, adaptárona ó castelán cun moi bo resultado. Inclúese no disco Letanías Capítulo II... La Pesadilla (2007).

http://youtu.be/0G466W8WnYg                   

Rufus Wainwright tamén mostrou a súa simpatía pola canción de Webber no seu tema "Between My Legs", que remata cos famosos acordes. Pertence ó álbum Release the Stars (2007).

 http://youtu.be/T1nNMTi6xdk

E tamén a melodía do comezo de "50 Ways to Say Goodbye" de Train, incluído en California 37 (2012), ten reminiscencias de "The Phantom of the Opera".

http://youtu.be/pf4aSxDvlPw

Ningún comentario:

Publicar un comentario