Se non fose pola desventurada vida de Ian Curtis, que acabou nun suicidio, seguramente os éxitos de Joy Division contaríanse por varios, pero o certo é que a breve traxectoria da banda británica, con tan só dous discos publicados, mostra un legado irrepetible que dá idea de todo o talento que posuía o seu líder e fundador. A ópera prima, Unknown Pleasures (1979), é un dos mellores debuts que se produciron aquel ano, no que a abundancia de grupos que se dedicaban ó post punk ía en aumento. No álbum non se incluíu o single de promoción "Transmission", que supuxo a aparición estelar de Joy Division na escena, pero o resto das cancións dan proba das enormes posibilidades da banda. "New Dawn Fades" é unha das cancións que integran o álbum.
Moby realizou unha magnífica versión de "New Dawn Fades" na cara B do single "Feel So Real", unha dos singles do álbum Everything Is Wrong (1994). A nova versión escapa do escurantismo na que está envolta a orixinal e que acabou por ser un dos símbolos de identidade de Joy Division. Anos máis tarde, Moby incluíu a súa versión nun álbum tributo á banda de Ian Curtis e tena interpretado nalgún concerto no que coincidiu con New Order, a banda que naceu das cinzas de Joy Division.
Ningún comentario:
Publicar un comentario