Os soños tamén son unha constante nos contidos das cancións ó longo do tempo e en tódolos estilos musicais posibles. É raro que na discografía de cada artista e de cada banda non exista un tema relacionado cos soños, así que velaquí vai unha selección monográfica con seis cancións co título "Dreams". Obviamos, iso si, dúas cancións con este título que xa pasaron polo blog, que son a de Fleetwood Mac e a de Gabrielle. Sen máis, arrancamos coa de Uriah Heep que pecha o álbum Wonderworld (1974).
Totalmente diferente é o "Dreams" de Enya pertencente á banda sonora de The Frog Prince (1985), unha tranquila balada da que nos ten acostumados a irlandesa, ideal para un momento de descanso.
E de volta ó rock, esta vez co "Dreams" de Van Halen, que se inclúe no álbum 5150 (1986).
Das máis coñecidas é a canción de The Cranberries que se atopa no debut dos irlandeses Everybody Else Is Doing It, So Why Can't We? (1993) e que tanto éxito lle reportou á banda de Dolores O'Riordan, xunto co single "Linger".
Nótase que os soños están presentes case sempre nos discos cos que as bandas comezan a súa andaina na música. Ó igual que The Cranberries, TV on the Radio acollían no seu debut Desperate Youth, Blood Thristy Babes (2004) unha canción chamada "Dreams".
Pero non só os debutantes viven de soños, os consagrados tamén. A Uriah Heep e a Van Halen, que incluíran as súas respectivas cancións cando xa levaban varios discos ás súas costas, haille que sumar Beck, que este mesmo ano editou un single co nome de "Dreams", do que moitos fans esperan que sexa un anticipo dun próximo álbum do californiano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario