martes, 25 de agosto de 2015

Uptown Funk

A comezos deste mesmo ano de 2015 Mark Ronson, quen saltara á fama por ser o produtor de Amy Winehouse, editou un álbum de música funk onde colaboran algúns dos artistas máis destacados do ramo, como son o gran Stevie Wonder e a última sensación do momento, Bruno Mars. A canción con este último, "Uptown Funk", foi a que se escolleu como single de presentación e decontado se desatou a polémica a medida que o éxito da "Uptown Funk" ía medrando. Pois coma tantas veces adoita acontecer co funk e sobre todo nos últimos anos, moita xente comezou a atoparlle parecido con cancións anteriores ata o extremo de falar abertamente de plaxio máis que de simples influencias. Iso alomenos é o que alegan os membros de The Gap Band e Viktorija, posibles perxudicados polo éxito de "Uptown Funk".


A canción á que se refire The Gap Band é "Oops Upside Your Head", do seu cuarto álbum, The Gap Band II (1979). Esta canción, que foi sampleada varias veces, sobre todo por artistas de hip hop, é, segundo The Gap Band, o alicerce non que se asenta "Uptown Funk", polo que Mark Ronson debería de terlles pedido permiso para empregala na súa canción como fixeron outros cantantes. O certo é que as similitudes son innegables.


A última en sumarse á polémica é a serbia Viktorija, quen sostén que "Uptown Funk" contén unha meirande parte do seu "Ulice Mracne Nisu Za Devojke", tema de 1984. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario