martes, 4 de agosto de 2015

The Ghost of Tom Joad

O álbum número once na andaina de Bruce Springsteen, The Ghost of Tom Joad (1995), disco totalmente acústico do bardo de Nova Jersey, está inspirado no personaxe da novela de John Steinbeck The Grapes of Warth (" As uvas da ira"), publicada en 1939, e da súa adaptación ó cine por parte de John Ford. Co gallo dunha novela que fala das nefastas consecuencias da Gran Depresión do 29, Springsteen transmite ó longo de todo este álbum a súa visión de Estados Unidos e de México de mediados dos noventa. A canción central, "The Ghost of Tom Joad", é a primeira do disco e tamén foi o único single que se extraeu dun dos traballos máis aclamados pola crítica.


Springsteen tomou o contido de "The Ghost of Tom Joad", ademais, doutra canción inspirada en Tom Joad. Trátase do tema country "The Ballad of Tom Joad", de Woody Guthrie, e que aparece no álbum Dust Bowl Ballads (1940), sen caer no erro de reporducir a mesma melodía, pero co mesmo estilo, ó que emparenta ámbalas dúas cancións.


"The Ghost of Tom Joad" conta cunha versión en clave trash metal da man de Rage Against  the Machine en 1997 e que logo incluirían no álbum de versións Renegades (2000). Sen rastro da guitarra acústica e coa melodía distorsionada, a nova versión parece un tema completamente diferente do orixinal.


Bruce Springsteen e Tom Morello, guitarrista que foi de Rage Against the Machine, comparten unha boa amizade. The Boss invitou a Morello a participar no seu álbum, High Hopes (2014), onde aparece unha reedición de "The Ghost of Tom Joad", completamente electrizada, co virtuosismo de Morello á guitarra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario