"One" é unha das mellores cancións da década dos 90, incluída nun dos mellores álbums: Achtung, Baby (1991), que confirmaba á banda irlandesa U2 como a mellor do panorama rock nese momento, algo que xa se percibía cos anteriores traballos de Bono e compañía, como The Joshua Tree (1987) e Rattle and Hum (1988). Por iso non é de estrañar que dez anos despois, este clásico inspirase a outros artistas e grupos. E é que a canción producida por Brian Eno e Daniel Lanois é preciosa.
Case unha década máis tarde, en 2000, atopamos o primeiro cover deste tema nun traballo discográfico (R.E.M. xa tocara "One" en directo en 1993 xunto con Larry Mullen e Adam Clayton): no álbum acústico do formidable cantante country Johnny Cash American III: Solitary Man.
Ese mesmo ano, Craig David debutaba co álbum Born To Do It, onde está recollida a canción "Walking Away", cuxos primeiros acordes son moi semellantes ó tema de U2.
Un ano despois, Lighthouse Family incorporaría o retrouso de "One" ó final da súa canción "(I Wish I Knew How It Would Feel To Be) Free" no seu álbum Whatever Gets You Through The Day.
En 2005, Mary J. Blige faría un cover de "One" no seu álbum The Breakthrough contando coa insestimable colaboración do propio Bono.
Para rematar, neste 2011 a última banda en inspirarse neste clásico de U2 é o grupo de Ohio, The National co seu tema "Think You Can Wait", banda sonora da película independente Win Win, que aínda que non é unha versión, conta con certas reminiscencias. Deixámosvos a ligazón a Youtube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario