martes, 6 de outubro de 2015

L'amour est bleu

Houbo unha época en que Eurovisión aínda non era o espectáculo esperpéntico das últimas décadas e gozaba de bastante prestixio. Falamos naturalmente dos anos sesenta, onde as cancións  interpretábanse no escenario por unha orquestra e a maioría delas estaban compostas por reputados autores do momento. Quizais debido á importancia que se lle daba ó festival daquela, hoxe moitas desas cancións están rodeadas por un manto de respecto do que nunca poderán presumir as de agora, agás fabas contadas. No ano 1967 a grega Vicky Leandros representou a Luxemburgo co tema en francés "L'amour est bleu" que lle valeu o cuarto posto, nunha edición en que o triunfo foi para Sandie Shaw con "Puppet on a String". Pero con todo, "L'amour est bleu" tamén comezou a versionarse con grandes resultados.


O certo é que a versión orixinal pronto quedou eclipsada pola instrumental que a orquestra de Paul Mauriat realizou apenas un ano despois no álbum Le Grand Orchestre de Paul Mauriat - Vol. 5 (1968).


Tamén ese mesmo ano de 1968 Jeff Beck gravou unha versión de "L'amour est bleu", co título en inglés "Love is Blue" co predominio das guitarras. Non é exactamente unha versión intrumental, xa que cara ó final un coro reproduce o retrouso coa letra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario