Grande como el só xa desde os comezos, o primeiro álbum de Chuck Berry, After School Session (1957), viu a luz dous anos despois de que o sensacional músico debutase co single "Maybellene", que finalmente pecharía o álbum. Precisamente, o continuo retraso na publicación do álbum fixo que boa parte das cancións xa se coñecesen de antemán, o saír como singles meses antes. En setembro de 1956 facía a súa aparición "Too Much Monkey Bussiness", que contou cunha moi boa acollida, como viña sendo habitual con tódolos singles de Berry.
A enorme influencia que exerceu a música de Chuck Berry noutros artistas é un feito máis que probado. Bob Dylan, outro grande, tamén tomou como modelo ó mestre de Missouri e onde mellor quedou reflectida esa influencia é na canción "Subterranean Homesick Blues", do álbum Bringing It All Back Home (1965), na que hai algo de lembranza de "Too Much Monkey Business".
Seguindo a estela de "Too Much Monkey Business", "Subterranean Homesick Blues" tamén se converteu nunha importantísima canción moi versionada, pero tamén a súa letra inspirou algunha que outra de distintos artistas. Unha delas e que ademais ten unha estrutura moi parecida á do clásico de Dylan é de Robert Wyatt "Blues in Bob Minor", que como xa se indica no título é todo un tributo ó de Minneapolis. Pertence ó álbum Shleep (1997).
Ningún comentario:
Publicar un comentario