A música ambiente nunca coñeceu tal grao de popularidade ata que Sigur Rós lle deu visibilidade ó mesturala co pop harmónico que practican. O debut da banda islandesa tivo unha acollida máis ben morna, pero as cousas habían cambiar con Ágaetis byrjun (1999), o segundo álbum que lle abriu as fronteiras a estes mozos, seguindo a estela da súa compatriota Björk. Por se fose pouco, o mundo do cinema foi dos primeiros en descubrir a enorme creatividade de Sigur Rós e empregar varias cancións do segundo álbum noutras tantas películas, o que contribuíu a que a súa música chegase máis facilmente a un público cada vez maior, que quedaba extasiado coa voz de Jònsi Birgisson. O segundo single de Ágaetis byrjun foi "Ný batterí", unha das cancións máis populares de Sigur Rós.
Non son moitas as versións que se teñen feito das cancións de Sigur Rós, pero unha das máis destacadas é a que Thursday fixo de "Ný batterí" na edición xaponesa do álbum War All the Time (2003).
Ningún comentario:
Publicar un comentario