A mediados dos anos 70, antes de que o fenómeno da Movida madrileña convulsionase o panorama pop-rock español, as listas de vendas españolas enchéronse de frescura coa aparición dunha banda hispano-arxentina, Tequila. A súa proposta dun rock divertido e dinámico pronto calou nos adolescentes da época e Tequila pasou a ser unha desas bandas imprescindibles en calquera festa. Co tempo, os seus compoñentes máis carismáticos seguirían apegados ó mundo da música; Alejo Stível, o cantante, é un importante produtor que está detrás dos comezos de moitos grupos que hoxe gozan dun importante éxito como La Oreja de Van Gogh e M-Clan; e Ariel Rot, o guitarrista, continuou cunha brillante carreira tanto en Los Rodríguez, onde coincidiu con Andrés Calamaro, como en solitario. "Dime que Me Quieres", unha das cancións máis importante de Tequila, pechaba o terceiro disco da banda Viva Tequila! (1980).
Unha das versións máis importantes desta canción foi a de Los Piratas, que en 1995 a incluíron no seu álbum Poligamia. A nova versión serviu para recuperar a música de Tequila e volver pór de actualidade unha das súas cancións máis representativas.
Pero a reivindicación de Tequila como parte fundamental na música pop-rock española chegaría en 1997 cun disco de homenaxe onde unha galería de artistas e grupos versionan boa parte do repertorio de Tequila. En Mucho Tequila destaca a versión de "Dime que me Quieres" que fixeron Los Lunes, un grupo melódico, que lle deron a volta á canción. Dun tema rock pasamos a unha balada. O resultado admite todo tipo de conclusións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario