martes, 12 de xuño de 2012

Running Up that Hill

Kate Bush é unha das grandes damas do rock desde o seu debut en 1978 con The Kick Inside que contiña "Wuthering Heights", unha canción baseada na famosa novela de Emily Brontë, e que lle abriría as portas da fama a Kate Bush, aínda que é inxusto considerar que The Kick Inside é un gran disco só por esa canción, xa que non hai que desmerecer os demais cortes do álbum, tamén grandes cancións como "Strange Phenomena" e  "Them Heavy People", que quedaron eclipsadas por "Wuthering Heights". En calquera caso, Kate Bush seguiunos ofrecendo excelentes traballos cargados de boa música e grandes cancións, o último o pasado ano cun disco moi orixinal sobre o Nadal 50 Words for Snow, máis que recomendable. Hoxe en cambio imos quedar cun dos seus grandes temas "Running Up that Hill" do seu quinto traballo Hounds of Love (1985), que orixinariamente se ía chamar "A Deal with God", pero á súa discográfica non lle gustou o título e finalmente quedou como "Running Up that Hill", que Kate Bush tamén ten cantado con David Gilmour nalgunha ocasión.


En 2003 gravouse unha das versións máis importantes desta canción a cargo da banda de rock sinfónico Within Temptation, aínda que finalmente non a incluiron en ningún disco, malia que filmaron un videoclip.


Tampouco debe pasar desapercibida a versión que Placebo fixo para a edición especial do seu álbum Sleeping with Ghosts, que relanzaron en 2007, catro anos despois da primeira publicación.


Tamén se ten sinalado a influencia desta canción no tema de Coldplay "Speed of Sound", primeiro single do seu terceiro disco X&Y (2005).

 http://www.goear.com/listen/f903e2f/speed-of-sound-cold-play

E xa menos evidente talvez a melodía, a canción de Efecto Mariposa "Otra historia", do álbum Complejidad (2005) parece ter ecos que remiten o tema de Kate Bush.

http://youtu.be/pHtK7ESq3OU

Ningún comentario:

Publicar un comentario