martes, 26 de xuño de 2012

Promenade

The Unforgettable Fire (1984) é o cuarto álbum de U2 e o primeiro producido polo tándem formado por Brian Eno e Daniel Lanois, despois de traballar nos primeiros discos con Steve Lillywhite. Dende logo o cambio na produción foi un gran acerto por parte de Bono e compañía, xa que a colaboración con Eno e Lanois nos seguintes traballos discográficos, agás Rattle and Hum (1988) producido por Jimmy Iovine, ía enriquecer de xeito notable a traxectoria de U2 ata o feito de converterse na banda de rock máis importante dos últimos tempos, un auxe que acadarían en 1991 con Achtung Baby. "Promenade", quinto corte de The Unforgettable Fire non chegou a ser single e nin moito menos é a mellor canción dese disco, onde ese privilexio teno "Pride (In the Name of Love)", pero é un gran tema de U2 e por suposto, non pasa desapercibido.


Snow Patrol, unha banda escocesa formada na universidade de Dundee a mediados dos anos 90, son hoxe un referente para moitos artistas desde 2007 debido ó éxito que acadaron cando algunhas das súas cancións comezaron a aparecer nas bandas sonoras de series de culto e películas. Iso fixo que moitos se empezasen a fixar no seus traballos de estudio e tamén nos seus concertos, polo que hoxe o nome de Gary Lightbody, o cantante, resulta bastante coñecido. Pero Snow Patrol debutou en 1998 e en 2003 publicaron o seu terceiro disco Final Straw que contén "Run", un tema con claras reminiscencias a "Promenade" e en xeral, o son de U2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario