xoves, 12 de xuño de 2014

People Get Ready

The Impressions asinaron no álbum People Get Ready (1965) un deses temas que selan o pase á posteridade. A canción que lle dá título ó cuarto disco da formación procedente de Chicago por pouco proxecta unha sombra sobre o resto da obra de The Impressions, tanto na anterior, que comezou a finais dos anos 50 con cancións tan excepcionais coma "Gipsy Woman" e "It's All Right", coma na posterior, que se estendeu ata os anos 80. Non obstante, con "People Get Ready" The Impressions culminaban as primeiras posicións das listas de vendas de R&B e conseguían que unha das mellores cancións de Curtis Mayfield callase de forma especial nalgúns dos mellores músicos posteriores.

http://youtu.be/l04yM7-BWbg

Xa dende o momento da súa publicación, "People Get Ready" atopou acomodo nun dos temas dos xamaicanos The Wailers. Trátase de "One Love", canción en clave ska que a banda de Bob Marley editou como single tamén en 1965, pero que nese momento pasou desapericibida. Anos máis tarde, en 1977 Bob Marley e The Wailers recuperárona para o álbum Exodus, pero co ritmo pausado do reggae e a partir de aí desatouse a polémica porque o parecido coa de The Impressions xa era máis visible. Finalmente nos créditos tiveron que incluír a Curtis Mayfield coma autor e non é raro atopar como título completo da canción, "One Love/People Get Ready". Tamén resulta curioso que "One Love" non fora editado como single de Exodus ata 1984, cando se converteu nunha das cancións favoritas de Bob Marley para o gran público.

http://youtu.be/gRBcnkZwYME

http://youtu.be/vdB-8eLEW8g

Pero non só Bob Marley se deixou atrapar por "People Get Ready". Bruce Springsteen remata a canción "Land of Hope and Dreams" cos coros da canción de The Impressions. Malia que  non adoitaba faltar nos concertos desde 2001, non se incluíu nun álbum de longa duración ata Wrecking Ball (2012). Non sería a única ocasión, pois en "My City in Ruins", do álbum The Rising (2002) e que está baseada practicamente na súa totalidade na canción de The Band "The Weight" como xa vimos, tamén ten retazos de "People Get Ready". En calquera caso, agora quedamos con "Land of Hope and Dreams".

http://youtu.be/RTDNW9BfzfY

Ningún comentario:

Publicar un comentario