Europe deixounos unha serie de cancións rock que sen elas sería difícil comprender os anos 80. Mais se hai unha que se lembra especialmente por riba de todas é "The Final Countdown". A canción que lle dá título ó terceiro álbum de Europe é desas cancións que coñece todo o mundo grazas ó riff de guitarra tan característico co que xa arranca a canción e que fixo que o mundo da publicidade sempre botase man dela. Ata aquel momento, os discos da banda de Joey Tempest só tiveran relevancia en Suecia, o seu país de orixe, pero dende a aparición de The Final Countdown (1986) e a canción que lle daba título coma single de presentación, Europe converteuse nunha das bandas de referencia da época e os singles seguintes coma "Carrie" e "Rock the Night" aproveitaron a sona de "The Final Countdown", e aínda que en menor medida, aínda son hoxe temas moi radiados.
Outro dos grupos que compartiron época de esplendor con Europe é o dúo alemán Modern Talking, formado por Thomas Anders e Dieter Bohlen, aínda que o seu eido é a música de baile. Cancións coma "Brother Louie" e "Cheri, Cheri Lady" ocupaban os primeiros postos das listas xunto coas cancións de Europe. O caso é que levados pola morriña, en 1998 despois de anos de silencio, Modern Talking anunciou a súa volta cun álbum cheo de revisións dos clásicos que levaron á formación xermana ó máis alto. Nese disco, Back for Good (1998) atópase algunha canción nova coma "We Take the Chance", que curiosamente está baseada na de Europe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario