luns, 2 de xuño de 2014

People Are Strange

Co primeiro álbum que publicaron The Doors revolucionaron a escena rock americana dos anos 60, algo que serviu como dique de contención á invasión dos grupos británicos, que coa súa música, conseguiran pulverizar as listas estadounidenses. Con cancións coma "Light My Fire" e "Break On Through (to the Other Side)", que formaban parte do disco epónimo coa que a banda de Jim Morrison debutaba, parecía que por fin se dera coa clave para situarse á altura de grupos coma The Who, The Kinks, The Rolling Stones e The Beatles. Sen tempo aínda para asimilar a grandeza de The Doors, que se editara en xaneiro de 1967, en setembro dese ano aparecía o segundo álbum de longa duración titulado Strange Days, que só confirmaba que The Doors estaban chamados a ser unha das bandas de rock máis grandes de todos os tempos. Cancións tan fascinantes coma "People Are Strange" redundaban nunha impresión que o paso do tempo mostrou coma certa.


É difícil atopar un artista ou un grupo de rock que en ningún momento se sentise influenciado por The Doors. Neste caso, imos centrarnos no músico irlandés Peter Wilson, máis coñecido polo nome artístico de Duke Special, que comezou a súa andaina na música a finais dos 90. Malia que a canción "Our Love Goes Deeper Than This", pertencente ó álbum Songs from the Deep Forest (2007), non garde moita relación con "People Are Strange", si se nota certa reminiscencia do son de The Doors. Pero o que dicimos moitas veces, vale a pena escoitar dúas cancións tan boas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario