martes, 24 de xuño de 2014

Take Pills

Á marxe do seu traballo como compoñente de Animal Collective, Panda Bear consolidou unha traxectoria en solitario grazas a uns discos ben elaborados onde tanto a parte técnica coma de produción están moi coidadas, así como o amplo coñecemento musical deste mozo. Os dous primeiros discos nos que xa apuntaba maneiras non tiveron moita relevancia, algo que en certo modo se arranxou co terceiro, co que gañou un merecido recoñecemento. Non obstante, para ser xustos, hai que admitir que Person Pitch (2007) non pode cualificarse baixo ningún concepto coma un álbum persoal, pois as numerosas influencias que reciben as cancións quítanlle protagonismo ó labor creativo de Panda Bear, malia que xa como comentamos noutras ocasións, o mérito reside exclusivamente en saber encaixar perfectamente esas influencias nunha soa canción, co resultado que parezan totalmente do trinque. Coma por exemplo "Take Pills".


A música de The Tornados foi decisiva na formación de Panda Bear. Como xa vimos en "Bro's", "Take  Pills" tamén colle a súa porción da sensacional banda de rock instrumental dos 60. A canción elexida neste caso foi "Popeye Twist", editada na cara B do single "Love and Fury" (1962), co que The Tornados debutaba na escena musical.


A segunda influencia da que bebe "Take Pills" tamén procede dos 60. Trátase do tema de Scott Walker "Always Coming Back to You", que se editou na cara B de ""Joanna" (1968).

Ningún comentario:

Publicar un comentario