martes, 10 de xuño de 2014

Boogie Chillen'

O repertorio de John Lee Hooker está repleto de cancións blues memorables coma o caso de "Boogie Chillen'", tamén coñecida co nome "Boogie Chillun". Esta composición do propio Hooker fala da experiencia que o autor viviu ó trasladarse a Detroit na procura dun porvir que o levou ós clubs musicais da cidade e encherse así dunhas vivencias que anos máis tarde habería describir precisamente en "Boogie Chillen'", editada no outono de 1948. O estilo co que John Lee Hooker toca a guitarra nesta canción realza aínda máis a composición, sinalada tanto por críticos coma por músicos, coma unha das máis importantes do pasado século.


Coma tantos outros blues, o estilo de "Boogie Chillen'" foi moi imitado. En 1970 Norman Greenbaum inspirouse nela no seu famoso "Spirit in the Sky", que xa pasou polo blog cando falamos do tema de Goldfrapp "Ooh La La". Pero dous anos antes da aparición da canción de Greenbaum, Canned Heat lanzaba unha das súas grandes cancións, "On the Road Again", do álbum Boogie with Canned Heat (1968), que tamén contiña moito da canción orixinal de John Lee Hooker.


Pero non só Canned Heat e Norman Greenbaum botaron man da influencia da canción de  Hooker. ZZ Top revisárona a fondo para elaborar un dos seus temas máis coñecidos, "La Grange", pertencente ó álbum Tres Hombres (1973).


A canción de ZZ Top tamén toma elementos da canción de Slim Harpo, "Shake Your Hips" (1966). O curioso é que Slim Harpo uns anos máis tarde gravou unha versión de "Boogie Chillen'" á que chamou "Boogie Chillum" empregando un son moi parecido á súa propia canción "Shake Your Hips". Vexamos as dúas.


E velaquí a versión do tema de John Lee Hooker: http://youtu.be/eAcNlF5CgU0

Ningún comentario:

Publicar un comentario