venres, 20 de xuño de 2014

Ladies' Night

Referente sen dúbida da música disco e funk dos anos 80, Kool & the Gang deixou un legado ó que aínda hoxe recorren artistas con falta de creatividade. Pero o éxito deste grupo formado en Nova Jersey non foi espontáneo, xa que as súas orixes remóntanse a finais dos anos 60 e cando o funk eclosionou nos 70, o gran público non se fixou especialmente en Kool & the Gang ata uns anos e uns cantos discos máis tarde. Habería que esperar a 1979 cando publicaron Ladies' Night, o álbum que facía o número 13 na conta do grupo, cando se lle empezou a prestar verdadeira atención. O momento non foi casual porque Kool & the Gang sufriu algúns cambios na formación, especialmente ó mudar de vocalista principal. A chegada de James "J.T." Taylor imprimiulle coa súa voz un selo inconfundible ó estilo de Kool & the Gang, e cancións coma "Ladies' Night", que abre o disco do mesmo nome así o corroboran.


Ningunha das versións que se fixeron de "Ladies' Night" achega nada que as faga realmente interesantes. No peor dos casos, a canción estrágase estrepitosamente, así que imos a centrarnos nun par de cancións que se basean nela. A de maior nivel sen dúbida é a de Leon Haywood "Don't Push It Don't Force It", pertencente ó álbum Naturally (1980), que mantén a esencia da canción orixinal.


En cambio, na canción de Samantha Mumba "Baby, Come Over (This Is Our Night)", do álbum Gotta Tell You (2000), a cantante irlandesa engade o retrouso de "Ladies' Night" polo medio da canción cara ó final, o que non lle serve de recurso para mellorar un tema bastante frouxo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario