En 1988 facía a súa aparición na escena musical unha cantautora de Cleveland, Ohio, que ía conquista-lo público maila crítica coa dozura da súa voz, un estilo aparentemente sinxelo e unhas letras que contaban historias que non escapaban da realidade. Con estas premisas, Tracy Chapman presentábase cun disco epónimo que contiña algunhas das súas composicións máis recoñecidas. Unha delas é "Fast Car", unha historia sobre cómo os efectos do alcoholismo poden destruír as relacións persoais. Malia ser o segundo corte do disco, "Fast Car" foi escollido como single de presentación.
Tres anos despois, comezaba a andaina musical doutra gran cantante, neste caso, a británica Gabrielle. Mentres preparaba o seu álbum de debut Find Your Way, que finalmente se publicaría en 1993, Gabrielle gravou unha demo da que habería de ser a gran canción dese álbum. "Dreams" comezaba cun sample de "Fast Car", pero os problemas legais que poderían derivar da utilización do tema de Tracy Champman acabaron por disuadir á discográfica de publicala tal cal, polo que "Dreams" acabou triunfando cun son depurado e sen rastro do sample. Non obstante, no recompilatorio Dreams Can Come True, Greatest Hits Vol. 1 (2001) recuperouse a demo orixinal.
Outras cancións si incluíron un sample de "Fast Car". A máis coñecida é a de Nice & Smooth na canción "Sometimes I Rhyme Slow", no álbum Ain't a Damn Thing Changed (1991).
Ningún comentario:
Publicar un comentario