Non se pode entender a música dos anos 80 sen prestarlle atención a Eurythmics, o dúo composto por Annie Lennox e Dave Stewart, que marcou boa parte da banda sonora desa década. O terceiro disco de Eurythmics, Touch (1984) viña precedido do éxito que supuxera "Sweet Dreams", a canción que os lanzou ó Olimpo musical, así que se esperaba que Touch estivese a un nivel parecido. Ábrese con unha das cancións máis lembradas "Here Comes the Rain Again", un tema melancólico, pero tamén dos máis fermosos que escribiu esta parella. Escolleuse como terceiro single tras "Who's That Girl?" e "Right By Your Side" e malia que o título é "Here Comes the Rain Again", moitos a coñecen por "Talk to Me", a frase que marca o retrouso.
A parte de "Talk to Me" é a favorita á hora de empregar esta canción de Eurythmics como sample. Vexamos dous exemplos. O primeiro, a cargo dos neerlandeses Alice DeeJay, na canción "Better Off Alone", un rompepistas que aparecía no disco Who Needs Guitars Anyway? no verán de 1998. Non vos soa moi actual o seu son? En efecto, David Guetta volveuna pór en circulación hai uns meses cunha nova letra, novo título, pero a mesma melodía.
Máis recentemente, George Nozuka tamén se inspirou no tema de Eurythmics para presentar o seu primeiro single, que leva precisamente o título de "Talk to Me", tema estrela do seu debut Believe (2007).
Ningún comentario:
Publicar un comentario