David Axelrod é un dos músicos máis influentes do último século. Este músico, compositor e produtor nacido en California en 1931 comezou a súa andaina profesional na década de 1960 prestando os seus coñecementod de produción a artistas de R&B, soul e jazz que tiñan asinado un contrato coa discográfica Capitol Records, ata que en 1968 decidiu probar sorte cun álbum que o situaba na primeira liña, é dicir, comezaba a súa propia carreira xa como músico. A aposta de David Axelrod foi do máis orixinal, xa que ese primeiro disco estaba dedicado en exclusiva á primeira parte do poemario de William Blake Songs of Innocence and Experience, onde Axelrod lle puña música ós poemas cos sons que mellor coñecía. Se ben é verdade que a idea de musicalizar a poesía de escritores famosos estaba de plena actualidade nesa década en todo o mundo, David Axelrod logrou combinar coma ninguén o estilo clásico co jazz máis elegante do momento cun resultado francamente fantástico traducido en Songs of Innocence. Tanto foi así que ó ano seguinte David Axelrod repetiu experiencia coa segunda parte da gran obra de William Blake, co título Songs of Experience (1969). Gustaríanos quedar só coa segunda canción dese disco "A Little Girl Lost", pero non demos atopado unha ligazón que nos levase só a esa canción. En calquera caso, resaltamos que é a segunda, a que lle hai que prestar atención hoxe.
E por que hoxe destacamos "A Little Girl Lost"? Porque nela baséase a canción de Manic Street Preachers "Rewind the Film" que lle dá título ó ultimo traballo que os galeses publicaron hai nada, apenas dous meses. Para esa canción contaron coa colaboración de Richard Hawley.
Ningún comentario:
Publicar un comentario