venres, 22 de novembro de 2013

Light My Fire

Innovador coma poucos na súa época, Johann Sebastian Bach é un dos compositores de música clásica de comezos do século XVIII que aínda é imprescindible na música contemporánea. Practicamente non hai obra del que dalgunha maneira non influíse en artistas tan dispares coma Procul Harum, The Doors e Sweet Box, por poñer só tres exemplos dos máis coñecidos. Pensemos por exemplo nas súas "Inventios", concebidas para piano. Son quince composicións curtas pensadas para que os seus pupilos collesen práctica. Aínda que por este motivo se poida pensar que estas pezas son obras menores, para Ray Manzarek, un dos integrantes de The Doors, a segunda e a terceira foron fundamentais para a creación dunha das grandes cancións da banda de Jim Morrison "Light My Fire". Quedemos, entón de momento, coas "Inventios 2 e 3" de Johann Sebastian Bach.


Onde mellor se aprecia a influencia de Bach en "Light My Fire" é o comezo. O órgano, un dos instrumentos máis importantes na canción (pensemos que boa parte do tema é instrumental), bebe directamente das Inventios. "Light My Fire" pertence ó álbum éponimo de The Doors, publicado en 1967.


Ó ano seguinte gravouse unha das versións máis importantes de "Light My Fire". A de José Feliciano constrata coa orixinal por ser case acústica e está desprovista do recargo instrumental e do espíritu psicodélico da versión orixinal. Aparece no álbum Feliciano! (1968).


Máis recente malia que non por iso menos espectacular é a versión de Shirley Bassey. Un single que a gran dama da canción publicou en 1999. Trátase duhna remestura da que Shirley Bassey gravou en 1970 e quedoulle así de xenial.



Ningún comentario:

Publicar un comentario