venres, 14 de xuño de 2013

The Lemon Song

O paso de Jimmy Page por The Yardbirds non foi en balde. Cando pouco despois, Page formou a súa nova banda Led Zeppelin xunto con Robert Plant, John Bonham e John Paul Jones xa tiña decidido as liñas mestras polas que ía transitar o son do grupo. Un rock potente a base de guitarras, pero sen renunciar ás raíces do blues que tanto marcaran a Jimmy Page. De modo que en tódolos traballos de Led Zeppelin hai sempre uns trazos do blues máis clásico, que Led Zeppelin adoitaba versionar tanto no estudio coma nos concertos, e que para os detractores da banda é unha mostra de que eran uns copións, mentres que para a maioría, Led Zeppelin perpetuaba unha música e unhas cancións que nunca deberían caer no esquecemento. No segundo disco Led Zeppelin II está a canción "The Lemon Song", inspirada nuns cantos éxitos de blues. Un deles do principal bluesman de todos os tempos, Robert Johnson. "Travelling Riverside Blues", de 1937,  inspirou a letra.


Outra é "Crosscut Saw" gravada por primeira vez en 1941 por Tommy McClean en1941, aínda que ese mesmo ano tamén a gravou Tony Hollins.


Aínda que din que a que a canción que máis influíu en "The Lemon Song" é "Killing Floor", de Howlin' Wolf, de 1964 e cuxos compás son máis evidentes na canción de Led Zeppelin.


Seica a mestura sutil destas fabulosas cancións de blues deron como resultado "The Lemon Song", terceiro corte de Led Zeppelin II (1969).

Ningún comentario:

Publicar un comentario