mércores, 4 de xaneiro de 2012

All Your Love (I Miss Loving)

Otis Rush é un cantante de blues procedente de Filadelfia que, coa seu particular xeito de toca-la guitarra, creou o que se deu en chamar o West Side Chicago blues e que influiu de maneira decisiva en artistas posteriores coma Eric Clapton, quen versionou algún das súas cancións. "All Your Love" é unha das súas composicións máis recoñecidas.  Saiu como single en 1958 co sello Cobra e nos músicos de sesión que interviñeron na gravación destaca Ike Turner á guitarra.  Foi versionada en numerosas ocasións; as máis importantes foron a de Aerosmith en 1977, Gary Moore en 1990 e a máis recente a dos veteranos Steve Miller Band en 2010.


Á parte destas versións, que elevaron as composicións de Rush á categoría de clásicos do blues, "All Your Love" tamén é moi recordada pola influencia que tivo noutras cancións que o tempo convertiu en imprescindibles de calquera repertorio de música moderna, malia a que a referencia a Rush non sempre foi moi recoñecida. A primeira delas refírese a popularísima "Black Magic Woman", escrita por Peter Green, un dos fundadores de Fleetwood Mac e que apareceu no álbum de 1968 English Rose, dous anos antes de que Fleetwood Mac pechase a súa primeira etapa marcada polo blues e incorporase como vocalista a Stevie Nicks, que se acabaría convertendo na voz que caracterizase toda a carreira posterior de Fleetwood Mac.


"Black Magic Woman" non suporía un éxito masivo para Fleetwood Mac, entre outras cousas porque dous anos despois o guitarrista mexicano Carlos Santana faría unha espectacular versión que o catapultaría á fama, ata o punto de asociar a canción como orixinal súa. O mérito de Santana débese a que a nova versión está combinada con "Gypsy Queen", unha canción de 1966 do músico húngaro Gábor Szabó, mesturada con ritmos latinos e sons procedentes do jazz. O efecto resultante é unha amálgama de estilos diversos que crean unha peza única. Inclúese no álbum Abraxas (1970).

  http://www.goear.com/listen/3bc99b3/black-magic-woman-santana

Pero volvamos de novo á canción de Rush. "All Your Love" aínda serviría de base en 2009 para unha nova composición de toda unha lenda da música folk. E é que, nin máis nin menos que Bob Dylan, fonte inagotable de inspiracións para outros artistas e que tamén soubo aproveitar as melodías da música tradicional, publicaba ese mesmo ano o álbum Together Through Life que incluia a canción "Beyond Here Lies Nothin'" cun parecido sospeitoso a "All Your Love".

 http://www.goear.com/listen/2fac486/beyond-here-lies-nothing-bob-dylan

Ningún comentario:

Publicar un comentario