venres, 27 de xaneiro de 2012

Sementeira

Fuxan os Ventos naceu a comezos dos anos 70 en Lugo para reivindicar a música tradicional galega, mais boa parte da súa produción folk procede de composicións propias, aínda que respectando tan ben os patróns de estilo das cantigas populares que, ás veces, chégase a pensar que forman parte do repertorio tradicional galego. Ese é o caso de "Sementeira", a súa composición máis coñecida e que aparecía no álbum homónimo de 1978, composta por Lois Álvarez Pousa e Xosé Luís Rivas Cruz. Durante a súa traxectoria, Fuxan os Ventos tamén foron incorporando a temática de compromiso social e hoxe en día considérase a esta formación como  pioneira dentro da música galega.


Na historia da música as cancións folk, xa sexan de tipo tradicional ou non, serviron de base para novas cancións ou modernizábanse con novos estilos como o rock. Astarot, o grupo de heavy rock de Cangas do Morrazo entendeu isto moi ben, e en 2000 publicaron O Sentir dunha Terra, o seu quinto álbum, onde homenaxean a cultura musical galega con versións de cantigas populares galegas e de poemas de autores galegos como Álvaro Cunqueiro, que xa foran musicalizados por cantautores. Esta é a versión que fixeron de "Sementeira".

Ningún comentario:

Publicar un comentario