Trala publicación da súa ópera prima Funeral en 2004, Arcade Fire foi toda unha revelación na primeira década do século XXI. As expectativas confirmáronse tres anos despois co segundo álbum Neon Bible (2007), que ten o mesmo título que a primeira novela de John Kennedy Toole. Unhas letras coidadas, uns arranxos musicais elaborados cunha ampla variedade de instrumentos e unha produción brillante unido a un vertixinoso directo, converteu á banda de Win Butler e Régine Chassagne en todo un estandarte deste novo milenio como se veu co seu último traballo The Suburbs (2010). Os de Québec poden sentirse orgullosos de chegar tan lonxe sen contar sequera cunha gran discográfica detrás deles. Boa mostra do seu talento atopamólo en cancións como "Black Mirror" e "No Cars Go" do segundo álbum. Precisamente, este álbum pechábase cun corte que mostra toda a forza épica de Arcade Fire "My Body Is a Cage", un tema cun son escuro, pero terriblemente emotivo que foi incluido nun capítulo da sétima temporada de House.
Nos últimos anos instalouse entre os artistas consagrados a moda de editar un disco de versións en clave sinfónica. Sting e George Michael foron algúns que contan entre os seus últimos traballos con este fenómeno, pero un dos primeiros en apuntarse a isto foi Peter Gabriel, que ademais pactou cos artistas que ía versionar que estes gravasen algunha versión dos éxitos de Gabriel. Un dos temas que figuran no álbum Scratch My Back (2010) é "My Body Is a Cage".
Ningún comentario:
Publicar un comentario