xoves, 2 de xullo de 2015

Something Stupid

A Carson Parks non lle ía demasiado ben a súa aventura na música a comezos dos sesenta. Pasou por unhas poucas bandas, intentou facer un dúo co seu irmán e tamén probou en solitario, pero de ningunha desas maneiras acababa por conseguir unha ansiada estabilidade. Ó pouco de casar con Gaile Foote, Parks preparou as cancións precisas para compór un álbum e gravounas coa súa dona, baixo o nome artístico Carson & Gaile. Así, en 1966 vía a luz San Antonio Rose, o traballado disco do matrimonio. En realidade, San Antonio Rose non contén ninguha canción memorable, pero unha delas, "Something Stupid", chamou a atención de Frank Sinatra, que non tardou moito en gravala acompañado da súa filla Nancy.


A versión de Frank Sinatra e de Nancy, publicada no álbum The World Knew (1967), acaparou unha enorme popularidade borrando case por completo a versión orixinal de Carson e Gaile. Certo é que anos despois, Robbie Williams decidiu facer unha nova versión ó lado da actriz Nicole Kidman, tamén moi exitosa, pero que apenas achega nada novo á da familia Sinatra.


Resulta curioso como ás veces as escalas melódicas unen cancións de estilos totalmente diferentes. A canción de The Replacements "Swinging Party", pertencente a Tim (1985), contén certas reminiscencias de "Something Stupid" nalgún dos tramos da canción.


O parecido é máis evidente, se cabe, na versión que Lorde realizou de "Swinging Party" en 2013, na cara B do single "Tennis Court".

Ningún comentario:

Publicar un comentario