mércores, 23 de marzo de 2011

Mariposa Technicolor

Nunca vos pasou  ao escoitar os primeiros acordes dunha canción confundila con outra? Ou empezar a tararear unha canción e acabar tarareando outra? Seguro que si. E é que ao fin e ao cabo só existen sete notas e as melodías parecen infinitas, por tanto, non debe estrañarnos que ás veces os acordes acaben coincidindo e unhas cancións nos recorden invariablemente a outras. Claro que tamén estas coincidencias, totalmente naturais, serviron de pretexto a máis dun autor para librarse dunha acusación de plaxio, aínda que se vise claramente que actuou de mala fe. Malia todo, noutras ocasións o emprego dunha melodía coñecida está feito con boas intencións, como forma de homenaxe a ese artista ou grupo que serve de inspiración (e pagando dereitos, como non). Por outro lado queda a música dance  e o hip-hop, que merecen un blog á parte respectivamente, estilos especialistas en samplear melodías e cancións esquecidas que acaban resucitando cun novo son.

As dúas cancións que vos presentamos hoxe non teñen nada que ver a unha coa outra en principio, agás que as súas melodías son moi parecidas. De feito, cando descubrimos a La Tercera República en 2001 co seu single "Sorprendentemente" no seu álbum Me Siento Mucho Mejor, lembrámonos da canción de Fito Páez "Mariposa Technicolor", que estaba incluída no seu álbum de 1995 Circo Beat. Como xa dixemos, neste caso trátase dunha mera coincidencia que non deixa de ser curiosa. Por outra parte, nese mesmo álbum de La Tercera República hai unha fantástica versión en español do tema dos Eagles "Take It Easy", á que chamaron "Tú, Tranquilo".

En fin, xulgade vós mesmos, a ver que vos parece:

 http://www.goear.com/listen/38534d4/mariposa-technicolor-fito-paez


 http://www.goear.com/listen/9ab65d4/sorprendentemente-la-tercera-republica

Ningún comentario:

Publicar un comentario