O tirón que tiveron parellas de cantautores como Simon & Garfunkel nos anos 60 e en xeral, o fenómeno folk desa época propiciado por Bob Dylan, Joan Baez e Peter, Paul & Mary, entre tantos outros, fixo que en tódolos sitios xurdisen cantautores que ás veces se asociaban para crear dúos que en certa medida emulaban ós autores de "The Sounds of Silence". Dese xeito foi como os ingleses Dave Curtiss e Clive Maldoon formaron Curtiss Maldoon a finais dos 60, mais non tiveron unha traxectoria moi longa xuntos. En 1971 publicaron o primeiro dos dous discos que haberían de constituír toda a discografía deste dúo. Co título Curtis Maldoon (1971), nel aparecen as cancións que máis éxito obtiveron no seu momento, malia que a sona de "Sepheryn" se habería de producir vinte e sete anos despois.
"Sepheryn" volveu á actualidade a finais dos 90 porque Madonna e William Orbit, que si coñecían o traballo de Curtiss Maldoon, inspiráronse nela á hora de compór "Ray of Light", a canción que lle daba título ó álbum que a polémica artista editou en 1998. Con lixeiras variantes no ritmo que por momentos logran distorsionar os acordes primixenios, "Ray of Light" non logra agochar de todo o son de "Sepheryn", que non sempre é fácil identificar á primeira escoita da canción de Madonna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario