O surafricano Dave Matthews atopou no mercado americano o sitio ideal para asentar a música da súa banda, que dende mediados dos anos 90 logrou colocar nos oídos do gran público cancións tan sonadas coma "Jimi Thing" e máis recentemente "The Space Between". Editando discos de maneira regular desde os comezos, Dave Matthews Band xa leva ás costas oito álbums de estudio, outros tantos en directo e uns cantos recompilatorios con excelentes cancións para aqueles que aprecien o rock alternativo das últimas décadas. No penúltimo disco, Big Whiskey & the GrooGrux King (2009) inclúese unha das mellores cancións que Dave Matthews escribiu na súa carreira, a sensacional "Funny the Way It Is", que serviu de presentación a ese traballo.
Outra das bandas americanas de rock alternativo que na actualidade ten revolucionado o panorama musical é Imagine Dragons. Con só un álbum de longa duración, Night Visions (2012), estes rapaces de Las Vegas acapararon a atención da crítica de todo o mundo, pero o certo é que dende que empezaron a funcionar, aló polo 2008, Imagine Dragons foron publicando EPs con algunhas das cancións que finalmente formarían parte de Night Visions. Non foi o caso de "Selene", que aparece en Hell and Silence (2010). Malía que é moi traído polos pelos, algúns sinalan que contén unha lixeirísima reminiscencia de "Funny the Way It Is", pero o que case se pode afirmar con seguridade é que Dave Matthews Band si foi unha referencia no son de Imagine Dragons.
Ningún comentario:
Publicar un comentario