Tommy James and the Shondells viviron a súa etapa de esplendor tralo éxito que supuxo "Mony, Mony", aquela animada canción que tan ben conquitou ó público maila crítica. Mais se daquela todo o mundo deu en pensar que esta banda procedente de Michigan só sabía chegar á fama con cancións cun ritmo frenético, o propio Tommy James e o batería do grupo Peter Lucia Jr. demostraron que tampouco se lles daban nada mal as baladas, como o outro gran bombazo de Tommy James and the Shondells: "Crimson and Clover" é unha das cancións máis coñecidas e dálle título ó álbum de 1968.
Foi tal a repercusión de "Crimson and Clover" que mesmo os componentes da influente The Velvet Underground baseáronse nela para crear o tema instrumental "Ride into the Sun" (1969) con certas reminiscencias de "Crimson and Clover", que xa non se recollen na versión con letra que fixo uns anos despois Lou Reed.
"Crimson and Clover" é unha das cancións máis versionadas de tódolos tempos. A última que tivo certa transcendencia é a de Prince, pero seguramente a máis lembrada sexa a de Joan Jett en 1981 no disco I Love Rock 'n' Roll.
Respecto ós samples de "Crimson and Clover", un dos primeiros foi o que aparece na canción "Black Magic" de Jarvis Cocker. O líder de Pulp incluíuna no seu álbum en solitario Jarvis (2006).
Tamén recorre a "Crimson and Clover" Tanya Stephens na súa canción "Think It Over" no disco Ruff Rider (1998). Esta artista mestúraa co ritmo reggae co que popularizou a súa carreira, malia que áinda non lle chegou á sona internacional.
Janelle Monae no seu debut The ArchAndroid (2010) tamén parece botar man de "Crimson and Clover". A influencia do tema de Tommy James déixase notar na canción "Mushrooms and Roses".
Ningún comentario:
Publicar un comentario