A separación de Creedence Clearwater Revival non foi doada para John Fogerty, sobre todo tendo en conta que debido a problemas de dereitos de autor coa discográfica da banda californiana, Fogerty tivo que recorrer ós tribunais para poder seguir tocando o repertorio da súa antiga banda, un proceso que se prolongou durante anos. Algo paradoxal, cando o propio John Fogerty é o creador da meirande parte das cancións de Creedence. No entanto, todas estas disputas non impediron que Fogerty comezase unha carreira en solitario que non renunciaba para nada á esencia de Creedence Clearwater Revival. En 1975 publicaba o seu segundo álbum en solitario John Fogerty que se abre cun dos seus maiores éxitos: "Rockin' All Over the World".
Dous anos despois, aparecía a principal versión desta canción da man de Status Quo nun disco que levaba o mesmo nome da canción Rockin' All Over the World (1977). Status Quo (ben se ve que o Latín non era a materia favorita de Francis Rossi e de Alan Lancaster) consegue nesta versión darlle un toque especial que fai que a canción pertenza claramente á banda inglesa. De feito, hai moitos que non saben que o autor é John Fogerty.
A melodía de "Rockin' All Over the World" reprodúcese na última parte da canción de Platero y Tú "Si Tú te Vas", do álbum Burrock 'n' Roll (1991).
Ningún comentario:
Publicar un comentario