luns, 25 de febreiro de 2013

When the Rainbow Comes

Karl Wallinger, un dos membros destacados de The Waterboys, abandonou a banda coa que acadou o éxito para emprender un novo proxecto máis afastado do folk ó que chamou World Party. O momento que elixiu Wallinger para a súa nova aventura tampouco foi doado: a mediados dos anos 80 The Waterboys estaban no seu apoxeo, pero iso non disuadiu nin un chisco ó valente Wallinger, que en 1986 editaba o primeiro disco de World Party Private Revolution cunhas expectativas incertas. Malia que o resultado non rompeu as listas de vendas precisamente, o debut de World Party deixou moi boas sensacións, e catro anos despois aparecía no mercado Goodbye Jumbo (1990), que para algunhas publicacións foi o álbum do ano e mesmo logrou un Grammy ó mellor disco de música alternativa. "When the Rainbow Comes" é un dos trallazos que se atopa no segundo traballo de World Party.
Para moitos críticos, os acordes e a melodía de "When the Rainbow Comes" foi plaxiada na canción de Matchbox 20 "If You're Gone", do álbum Mad Season (2000), o que supuxo que se convertese na canción máis polémica da banda de Rob Thomas, xusto no momento en que se consagraba o prestixio internacional obtido dous anos antes grazas ó anterior álbum Yourself or Someone Like You que contén xoias como "Push" e "3 a.m.).

Ningún comentario:

Publicar un comentario