mércores, 20 de febreiro de 2013

The Snowdon Song

Entre os anos 60 e 70 era habitual atopar na escena musical grupos de dous ou tres integrantes dedicados ó folk. Recuperaban cantos tradicionais dos seus lugares de orixe que adaptaban ó seu son á vez que engadían o seu repertorio cancións propias co mesmo estilo. Simon & Garfunkel foron os máis representativos,  mais tamén cómpre acordarse de Peter, Paul and Mary, protexidos de Paul McCartney; sen esquecerse doutros grandes solistas que uniron o seu nome a este estilo coma Bob Dylan, Joan Baez e Pete Seeger. Neste ambiente, a comezos dos anos 70 apareceu en Gran Bretaña o trío Tony, Caro and John, cunha traxectoria bastante breve, xa que só nos deixaron un álbum de estudio All on the First Day, publicado en 1972, que contén "The Snowdon Song".


Totalmente esquecidos durante décadas, Tony, Caro and John volveron á actualidade en 2006 por mor da versión de "The Snowdon Song" que fixeron os debutantes Beach House no seu disco epónimo, á que rebautizaron co nome "Lovelier Girl". Ocorre con bastante frecuencia que as novas versións dalgún tema aparezan no mercado con outro nome distinto, dando a entender que se trata dunha canción nova, mais neste caso Beach House non enganaron a ninguén, por máis que Tony, Caro and John non sexa un trío moi recordado. En calquera caso, xa temos visto aquí algún exemplo parecido, e dende logo, este non é o derradeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario