martes, 14 de agosto de 2012

Who Loves The Sun

"Who Loves The Sun" abre Loaded, o cuarto disco de The Velvet Underground editado en 1970, para moitos o máis importante da banda formada por Lou Reed, John Cale, Sterling Morrison e Maureen Tucker, xa que a influencia que ía exercer posteriormente na música está practicamente á altura de calquera álbum que acadase revolucionar a escena musical da súa época. E se hoxe Loaded está considerado como un disco de culto, non deixa de sorprender que só a inmortal "Sweet Jane" fose o único single, capaz de deixar na penumbra tan boas cancións. Pero o bo da música de The Velvet Underground é que sempre está por descubrir.

http://www.goear.com/listen/faf44d5/who-loves-the-sun-the-velvet-underground

Cunha clara influencia de The Velvet Underground, en 1996 debutaban os escoceses Belle & Sebastian con dous discos de estudio. En 1997 lanzaban o EP Lazy Line Painter Jane. A canción que lle dá título é unha mostra de que o son da banda de Lou Reed segue moi vivo.

http://www.goear.com/listen/9fe25c5/lazy-line-painter-jane-belle-and-sebastian

xoves, 9 de agosto de 2012

For What It's Worth

Unha das cancións históricas que nos legou a psicodelia dos anos 60 é "For What It's Worth" dos californianos Buffalo Springfield, que en 1966 debutaron cun disco homónimo que incluía esta canción que os perpetuaría na música, malia que a traxectoria do grupo foi bastante breve; dous anos despois e tras tres discos, os seus integrantes puñan o punto final a Buffalo Springfield. No entanto, algúns dos seus membros como Neil Young e Stephen Stills tiveron aínda unha gloriosa carreira por diante, primeiro uníndose a David Crosby e Graham Young no proxecto Crosby, Stills, Nash & Young e logo en solitario.

http://www.goear.com/listen/9af2ffa/for-what-its-worth-buffalo-springfield

En 1993, Chumbawamba incorporou o retrouso de "For What It's Worth" ó seu bailable "Timebomb", que se inclúe no disco Anarchy.

http://youtu.be/foF5j4jMTI8

A presenza de "For What It's Worth", co seu marcado ritmo "sampleable", atópase de xeito particular no mundo do cine, como na banda sonora de Forrest Gump e Lord of War, entre outras. Tamén algunhas cancións baseadas nela como a que Nathan Morris, componente de Boyz II Men, gravou en 1996 para a película Kazaam, protagonizada pola estrela da NBA Shaquille O'Neal, e que titulou "Wishes".

http://youtu.be/vVzLtxpmaxM

mércores, 8 de agosto de 2012

Solitary Man

Non poucas cancións teñen a facilidade de adaptarse a diferentes estilos musicais e triunfar da mesma maneira. Unha das que posúen esta virtude é "Solitary Man", de Neil Diamond, que a escolleu como single de debut en  abril 1966 e uns meses despois  nese mesmo ano aparecía no primeiro álbum do cantautor de Nova York The Feel of Neil Diamond, un disco marcado onde predominan as guitarras rockeiras da época.


A canción tan só tardou dez anos en cambiar de rexistro. En 1976 T.G. Sheppard publicaba a primeira  versión country do tema de Diamond nun disco que leva o nome da canción, mais na actualidade ó falar de dunha versión country é inevitable pensar na que gravou Johnny Cash en 2000 no álbum American III: Solitary Man co que Cash seguía homenaxeando a música americana.


Tampouco hai que menospreciar as sensacionais versións rock, máis fieis á orixinal  como a de Chris Isaak e  a de The Sidewinders, pero das que teñen aparecido nos últimos anos se cadra á que conta cun toque máis persoal é a de HIM, que co seu estilo love metal, definido así por Ville Valo, revitalizaron "Solitary Man" no disco de grandes éxitos de HIM And Love Said No: The Greatest Hits 1997-2004 (2004).

martes, 7 de agosto de 2012

Losing My Religion

"Losing My Religion", o primeiro single do sétimo álbum de REM Out of Time (1991) marcou un punto de inflexión na banda de Michael Stipe que ata ese momento apenas se apartou dos circuitos indies de Estados Unidos, malia contar tamén cun público fiel en Europa e en Australia. A súa popularidade acadou unhas cotas tan altas que de súpeto, a banda de Atlanta foi recoñecida mundialmente e moita xente comezou a descubrilos dende entón. Non é para menos, dende a década dos 70 non se vía nas listas de vendas unha canción na que aparecese unha mandolina. Peter Buck cambiaba a guitarra por ese instrumento, dándolle unha maxia única a "Losing My Religion", expresión sureña que significa perde-la paciencia.


Co éxito que colleitaron e xa na primeira liña da escena musical, comezaron a sucederse as versións e tamén unha certa influencia desta canción noutros grupos. Quizais a máis evidente é a de Death Cab for Cutie, a banda de Ben Gibbard que toma o nome dunha canción dos 60, que no álbum Plans (2005) incluía "Souls Meets Body".

http://www.goear.com/listen/eb906d1/soul-meets-body-death-cab-for-cutie

xoves, 2 de agosto de 2012

Das Model

Hai algún álbum de Kraftwerk que non influíse na música popular dende a súa publicación? Pois posiblemente non porque os alemáns sempre se caracterizaron por perfeccionar a música electronica, buscando os sons máis vangardistas que ían un paso máis aló da música máis actual que se estaba facendo nese momento. Creadores dunha música que deixa pegada no tempo sen parecer caduca, The Man-Machine (1978), sétimo traballo discográfico da banda formada por Florian Schneider e Ralf Hütter, segue soando tan actual que algúns discos recentes soan antigos ó seu lado. "Das Model" é unha das cancións emblemáticas de Kraflwerk incluídas neste álbum.


Unha das versións destacadas de "Das Model" máis sorprendentes é a que realizou a banda zaragozana Niños de Brasil no seu disco de debut Del Amor y del Odio (1989).


Mais a influencia desta canción traspasa o electropop do século XX e hai quen apunta que no riff de guitarra de "Walk Away", cuarto corte do segundo álbum dos escoceses Franz Ferdinand You Could Have It So Much Better (2005) e segundosingle de promoción está inspirado na canción de Kraftwerk.

mércores, 1 de agosto de 2012

Hounds of Love

A canción que lle dá título ó quinto álbum de Kate Bush "Hounds of Love" foi o terceiro single publicado. O seu ritmo marcado por unha forte batería dálle un toque único ó que hai que engadir o videoclip promocional deste single, que en certa medida lembra ás películas de Hitchcock. Unha medida totalmente estudada se se ten en conta que na canción emprégase a voz dun dos actores da película de terror británica de 1957 Night of the Demon.


"Hounds of Love" non conta con demasiadas versións en comparación con outros temas de Kate Bush, pero a que fixeron os británicos The Futureheads no seu álbum debut The Futureheads (2004) é magnífica.

luns, 30 de xullo de 2012

Transmission

Joy Division, a banda de Ian Curtis e xermolo de New Order, tivo unha traxectoria breve que acabou abruptamente co suicidio de Curtis, mais o legado que deixou na música é dos máis profundos, xa que numerosos grupos e artistas como Moby, Red Hot Chili Peppers, Editors e Interpol, entre moitos outros, recoñeceron nalgunha ocasión a influencia de Joy Division. "Transmission", single que lanzaron en 1979, é unha homenaxe o mundo da radio.


Catpeople, a banda viguesa afincada en Barcelona, é quizais a que máis reivindica o son de Joy Division na actualidade musical española e así o demostra no seu tema "Radio", que aparecía no seu debut Reel #1 (2006), que en certo modo, retoma os mesmos argumentos de Joy Division.

venres, 27 de xullo de 2012

Fell in Love with a Girl

A irrupción de The White Stripes no panorama musical en 1997 actualizou o son garage e moi pronto se confirmou que o seu líder Jack White era un xenio con moitas cousas que ofrecer á música. Ó lado da súa compañeira Meg, a andaina de The White Stripes púxose en marca en 1999 co seu debut homónimo e tras a boa acollida que recibiron, os seus seguintes traballos estiveron rodeados dunha gran expectación. En 2001 publicaban o seu terceiro disco White Blood Cells que contiña "Fell in Love with a Girl", unha das cancións máis lembradas do dúo.


Tan só dous anos despois, o soul vía o nacemento dunha nova estrela na voz dunha novísima Joss Stone, unha moza cuxo estilo facía lembrar os mellores momentos de Janis Joplin. O seu debut The Soul Sessions era unha brazada de versións da música soul dos anos 60 e 70, mais a sorpresa estaba na adaptación ó soul do tema de Jack White, aínda que dende unha voz feminina, polo que se convertiu en "Fell in Love with a Boy".  A nova versión está tan lograda que se mestura de xeito natural entre o resto das cancións.