luns, 30 de xullo de 2012

Transmission

Joy Division, a banda de Ian Curtis e xermolo de New Order, tivo unha traxectoria breve que acabou abruptamente co suicidio de Curtis, mais o legado que deixou na música é dos máis profundos, xa que numerosos grupos e artistas como Moby, Red Hot Chili Peppers, Editors e Interpol, entre moitos outros, recoñeceron nalgunha ocasión a influencia de Joy Division. "Transmission", single que lanzaron en 1979, é unha homenaxe o mundo da radio.


Catpeople, a banda viguesa afincada en Barcelona, é quizais a que máis reivindica o son de Joy Division na actualidade musical española e así o demostra no seu tema "Radio", que aparecía no seu debut Reel #1 (2006), que en certo modo, retoma os mesmos argumentos de Joy Division.

venres, 27 de xullo de 2012

Fell in Love with a Girl

A irrupción de The White Stripes no panorama musical en 1997 actualizou o son garage e moi pronto se confirmou que o seu líder Jack White era un xenio con moitas cousas que ofrecer á música. Ó lado da súa compañeira Meg, a andaina de The White Stripes púxose en marca en 1999 co seu debut homónimo e tras a boa acollida que recibiron, os seus seguintes traballos estiveron rodeados dunha gran expectación. En 2001 publicaban o seu terceiro disco White Blood Cells que contiña "Fell in Love with a Girl", unha das cancións máis lembradas do dúo.


Tan só dous anos despois, o soul vía o nacemento dunha nova estrela na voz dunha novísima Joss Stone, unha moza cuxo estilo facía lembrar os mellores momentos de Janis Joplin. O seu debut The Soul Sessions era unha brazada de versións da música soul dos anos 60 e 70, mais a sorpresa estaba na adaptación ó soul do tema de Jack White, aínda que dende unha voz feminina, polo que se convertiu en "Fell in Love with a Boy".  A nova versión está tan lograda que se mestura de xeito natural entre o resto das cancións.

xoves, 26 de xullo de 2012

Street Fighting Man

Van xa cincuenta anos dende que The Rolling Stones deron o seu primeiro concerto, pero o caso é que non parece que o tempo transcorrese tanto, pois a pesar de que hai xa sete anos que non publican un disco de estudio, Mick Jagger, Keith Richards, Charlie Watts e Ronnie Wood seguen de actualidade polo aniversario deste acontecemento á espera de que confirmen unha xira de celebración e a publicación dun novo álbum con temas inéditos. Mentres, lembramos unha das súas cancións máis importantes, "Street Fightning Man", do sétimo álbum da banda británica Beggars Banquet (1968).


Trátase dunha das cancións máis influentes de The Rolling Stones e non foron poucas as bandas que a gravaron nalgunha ocasión ou a tocaron nalgún directo, mais onde de verdade se nota a importancia que acadaran os Stones a finais dos anos 60 é que outra das grandísimas bandas dese momento, The Who, se inspirase na melodía de "Street Fighting Man" para crear unha das súas composicións máis celebradas "I'm Free", da ópera rock que Pete Townshend e compañía concebiron no seu cuarto disco Tommy en 1969, tan só un ano despois da publicación do tema de The Rolling Stones.

martes, 24 de xullo de 2012

Going to California

Posiblemente Led Zeppelin IV, o cuarto álbum de Led Zeppelin sexa o máis importante da banda de Jimmy Page e Robert Plant. Editado en 1971, as oito cancións que o compoñen forman un conxunto que serviu de base para consolidar o hard rock como unha das correntes estrela da música na década que se estreaba. "Stairway to Heaven", "Black Dog" e "Four Sticks" son algunhas desas cancións míticas que non poden faltar en ningún repertorio dos míticos Led Zeppelin; o mesmo se podería dicir de "Going to California", unha das cancións máis folk do álbum, que combina á perfección a guitarra acústica de Page coa mandolina de John Paul Jones, nunha das primeiras veces en que vemos a utilización deste instrumento nunha canción rock e do que Rod Stewart botou man en "Maggie May" tamén en 1971.


Malia que "Going to California" non se considera unha das cancións máis representativas de Led Zeppelin, seguramente por tratarse máis ben dunha balada folk, Pearl Jam, unha das bandas punteiras do grunge que revolucionou as listas de éxito nos 90, baseouse en "Going to California" para crear "Given to Fly", que aparece no quinto álbum da banda de Eddie Vedder Yield (1998) baixo a produción de Brendan  O'Brien.

venres, 20 de xullo de 2012

Everywhere

Despois do exitoso Rumours (1977) Fleetwood Mac non acadaría de novo un éxito semellante ata dez anos máis tarde coa publicación de Tango in the Night (1987), unha colección na que estaban incluídos algúns dos temas máis coñecidos e recordados de Fleetwood Mac. "Seven Wonders" , "Big Love", "Little Lies" e "Everywhere" son algunhas das xoias que lograron que Tango in the Night fose un dos grandes discos dos anos 80. "Everywhere", asinado por Christine McVie, foi o segundo single tras "Family Man".


Versionada e sampleada en diversas ocasións, quizais sexa o tema de Cut Copy "Take Me Over", do álbum Zonoscope (2010) a que mellor lle faga xustiza. Considerada a canción máis pop do disco polo guitarrista Tim Hoey está á altura dos mellores temas de música electrónica desta banda australiana.

xoves, 19 de xullo de 2012

Invisible Sun

A finais dos anos 70 cando a música disco e os sons da New Wave dominaban o planeta e Xamaica xa se fixera un oco na música grazas o reggae, que nos chegaba da man de Jimmy Cliff e de Bob Marley, en Reino Unido aparecía The Police, unha banda que mesturaba o rock co reggae, dándolle un estilo propio que acabaría por conquistar a milleiros de fans coa envolvente voz do seu líder, Gordon Summer, máis coñecido por todos como Sting. En 1981 vía a luz o seu cuarto álbum Ghost in the Machine; doce cancións sen desperdicio que redondeaban un dos mellores discos dese ano. Hoxe quedamos co corte 3, "Invisible Sun".


A banda británica Supergrass publicaba en 1999 o seu terceiro disco Supergrass, que confirmaba a banda de Gaz Coombes como todo un referente do brit pop. Nese sensacional álbum sinalouse que o tema "Mary"  parecía estar inspirado en "Invisible Sun".

mércores, 18 de xullo de 2012

A Hazy Shade of Winter

Simon and Garfunkel publicaron Bookends en 1968 e constituía o seu cuarto disco de estudio. Nel figuraban cancións que se converterían en clásicos como "America" e "Mrs.. Robinson". Aínda que "A Hazy Shade of Winter" queda algo eclipsada polas demais, figura tamén como unha das grandes composicións de Paul Simon e tamén conta con grandes versións.


A principal gravouse unhas décadas máis tarde, en 1987 a cargo da banda de Susanna Hoffs The Bangles no seu álbum Less Than Zero producido por Rick Rubin.

martes, 17 de xullo de 2012

The Bells of Rhymney

Gwalia Deserta, obra do poeta galés Idris Davies inspirou boa parte da letra de "The Bells of Rhymney", unha das cancións que Pete Seeger incluiu no álbum Pete Seeger and Sonny Terry (1958) e que supuxo un dos maiores éxitos deste cantante cando aínda faltaban uns anos para que Bob Dylan puxese de moda o movemento folk. 


Uns cantos anos máis tarde, concretamente en 1965 debutaba a banda californiana The Byrds co álbum  Mr. Tambourine Man cuxo título debíase a unha das cancións de Bob Dylan que The Byrds versionaba xunto coa de Pete Seeger.


O riff de guitarra que The Byrds empregou para a súa versión de "The Bells of Rhymney" tivo un efecto inmediato para uns debutantes e volveu aparecer nunha canción dese mesmo ano. Nin máis nin menos que o propio George Harrison utilizouno para a canción de The Beatles "If I Needed Someone" do álbum Rubber Soul (1965).


O xovencísimo  Bryan McLean, que daquela contaba cuns dezasete anos, tamén se baseou no riff que Roger McGuinn empregara en "The Bells of Rhymney" cando compuxo "Orange Skies", un dos temas  que aparecería no segundo álbum de Love Da Capo (1967).


E seguindo coa canción de Love, o crítico musical Matthew Greenwald comprobou que "Orange Skies" serviulle de influencia a Stevie Wonder en "My Cherie Amour", do álbum do mesmo título de 1969.