Unha das cancións que máis éxito tivo nas pistas de baile no verán de 1997 foi unha cun título tan orixinal como "You're Not Alone". A interpretación estaba a cargo de Olive, unha formación inglesa composta por Tim Kellett, Robin Taylor-Firth e Ruth-Ann Boyle. O álbum en que aparece, Extra Virgin, publicouse en 1996.
A primeira versión que tivo transcendencia deste clásico dos noventa fíxoa o disc-jockey alemán ATB en 2002. Está recollida no álbum Dedicated.
A versión de ATB non se caracteriza por un cambio de estilo, senón que se mantén bastante fiel ó sonido trip-hop de Olive, algo bastante común nos xéneros enmarcados nesa gran etiqueta chamada dance. Pero se o normal na historia da música é que os disc-jockeys e os artistas procedentes do mundo do rap e o hip-hop se dediquen a versionar éxitos do pop-rock, hai que sinalar que nos últimos anos hai unha tendencia inversa que consiste en adaptar cancións feitas para as pistas de baile a un sonido acústico, sobre todo en Europa. A quen mellor lle foi con este sistema foi ó cantante belga Milow que, grazas a súa versión do tema de 50 Cent "Ayo Technology", fíxose moi coñecido en todo o mundo. Tamén o cantante danés Mads Langer empregou a mesma fórmula co tema de Olive, que apareceu como single o 14 de decembro de 2009.