xoves, 12 de xullo de 2012

Don't Let Me Be Misunderstood

Dificilmente podería imaxinar o trío de compositores formado por Gloria Caldwell, Sol Marcus e Bennie Benjamin cando escribiron "Don't Let Me Be Misunderstood" para Nina Simone que acababan de asinar unha das cancións máis grandes de tódolos tempos. Un tema soul que trascendeu a música rock e se fixo indispendable en calquera colección de música contemporánea; un clásico con maiúsculas. Nina Simone gravouna en 1964 no álbum Broadway -Blues -Ballads, que contén algunhas das mellores cancións desta dama do soul e do blues.


Que este tema se fixese tan popular débese a The Animals. A banda de Eric Burdon incluíu unha versión no seu terceiro disco "americano" Animal Tracks (1965) que conquistou o planeta enteiro.


E dende os anos 60 as versións de "Don't Let Me Be Misunderstood", tanto baseadas na de Nina Simone como na de The Animals, non fixeron máis que agromar ata os nosos días. Joe Cooker, Gary Moore, Elvis Costello, Cyndi Lauper, etc. que se renderon ó encanto que desprende este tema. Mais unha das versións máis curiosas é a de Santa Esmeralda, que en plena época disco souberon adaptala ó estilo do momento en 1977.


Tamén moita xente adoita indicar que a versión de The Animals inspirou o riff de guitarra que Bruce Springsteen emprega en "Badlands", un dos temas que compoñen Darkness on the Edge of Town (1978). En calquera caso, un dos grandes temas do Boss.

http://youtu.be/TF1jH6Cv0tk

E si, incriblemente tamén serviu ó movemento hip-hop como sample. Lil Wayne empregouna no tema "Don´t Get It" en Tha Carter III (2008). Sen dúbida o hip-hop sabe reciclar calquera tipo de melodías.

martes, 10 de xullo de 2012

Tom's Diner

Malia que Suzanne Vega escribiu "Tom's Diner" en 1981 non a gravou ata tres anos máis tarde para Fast Folk Musical Magazine e habería que esperar a 1987 para que aparecese nun álbum da compositora de Santa Mónica. Solitude Standing contén dúas versións desta canción; a última é unha versión instrumental. Mais o encanto deste tema reside en que é un dos poucos cantado a capella que obtén un enorme recoñecemento internacional, algo do que poden presumir moi poucos artistas, quizais tan só Norman Cook, que cos Housemartins, encumbraron o seu famoso "Caravan of Love" ás listas de éxito, tan só dous anos despois de que "Tom's Diner" vise a luz e un ano antes de que Suzanne Vega editase Solitude Standing.


O son rítmico da canción fixo que moitos rapeiros se fixasen nel e acabasen por samplealo, como por exemplo Drake, que o empregou de xeito evidente en "Juice".

Pero quizais sexa que canción de Adam Deacon, Bashy e Paloma Faith que gravaron para a película "4.3.2.2.1" titulada "Keep Moving" á que mellor lle fai xustiza.

luns, 9 de xullo de 2012

Abracadabra

Steve Miller Band seguiu colleitando éxitos na década de 1980 malia que xa se consolidara como un dos grupos máis representativos da década anterior. Coa súa mestura de blues, folk e rock, Steve Miller soubo imprimirlle ó seu grupo unha marca personalizada. En 1982, publicaron Abracadabra, o vixésimo disco para esta banda de San Francisco, cuxo single de presentación dáballe título ó álbum.


A principal versión deste tema é o que fixo a banda californiana Sugar Ray en 1999 no seu álbum 14:59. A banda de Mark McGrath actualizouna e volveu a converterse nun éxito de fin de século, aínda que a orixinal nunca pasou de moda.

venres, 6 de xullo de 2012

Five to One

Outra das grandes bandas de rock que viu truncada a súa traxectoria moi cedo pola morte repentina do seu carismático líder é The Doors. E é que a banda de Jim Morrison, cuxa actividade musical non chegou tan sequera a unha década de vida, figura con letras maiúsculas no desenvolvemento do rock psicodélico e o seu legado proxecta unha sombra moi ampla en calquera faceta musical. Pódese dicir que o paso de The Doors pola historia do rock foi breve, pero moi, moi intensa. Un dos discos que serviron para enaltecer a Jim Morrison é o terceiro na conta particular de The Doors Waiting for the Sun (1968), que se pechaba con "Five to One".


Á marxe das versións, "Five to One" ten un riff bastante marcado que influíu de maneira notoria en cancións posteriores de grupos que tiveron a The Doors como fonte de inspiración. Un deles foi Kiss, que se basearon nese son de "Five to One" no seu tema "She" do álbum Dressed to Kill (1975).


Tamén se di que a partir do son da canción de Kiss, Eddie Vedder e Stone Gossard compuxeron o riff  do tema  "Alive", do álbum Ten (1991), o debut de Pearl Jam; e tamén un dos momentos decisivos para a irrupción do grunge en todo o mundo.


Xa para ir rematando, a moi poucos se lles escapou que "Waiting for the Rapture" do derradeiro álbum de estudio de Oasis Dig Out Your Soul (2008) lembra demasiado a "Five to One", algo que tampouco sorprende gran cousa, pois xa estamos acostumados a que as influencias musicais de Noel Gallagher paséanse ás veces polos temas de Oasis cunha evidencia máis que notoria. En fin, que todo sexa por non esquecer nunca a bandas tan grandes como The Doors ou The Who, etc, que tanto fixeron pola música contemporánea e que nunca deberían estar condenados ó esquecemento das xeracións máis novas.

xoves, 5 de xullo de 2012

Wish You Were Here

Cando Syd Barret abandonou Pink Floyd no momento en que este comezaba a acadar a fama, o resto da banda, Roger Waters, Nick Mason, Richard Wright e o substituto de Barret, David Gilmour non souberon reporse do oco que lles ocasionaba a ausencia de Barret. A pesar dos xeniais discos que ían editando, os problemas de saúde de Syd ían pesando como unha lousa e esa dor acabou manifestándose no noveno álbum de Pink Floyd Wish You Were Here (1975), un traballo dedicado ó líder da banda e alma máter do grupo, malia a separación. A canción que lle dá título o disco é sen dúbida, das máis fermosas compostas por Roger Waters en compaña de David Gilmour.


Versionada por outros artistas, sobre todo en concertos, non moitos se atreveron aínda a gravala nun estudio. A banda xermana Tangerine Dream lanzou en 2010 un álbum de versións Under Cover - Chapter One que se pechaba co tema de Pink Floyd.


Outro que nos últimos anos tamén realizou unha versión foi o ex membro de Fugees, Wyclef Jean no disco The Ecleftic: 2 Sides II a Book (2011), dándolle un aire de hip-hop, propio deste rapeiro.


mércores, 4 de xullo de 2012

I Love Rock 'n' Roll

Alan Merrill, Jake Hooker e Paul Varley, os integrantes de Arrows, non estiveron demasiado tempo xuntos, pero posiblemente os catro anos escasos que durou Arrows foron os máis intensos das súas vidas. Durante ese breve período de tempo deixaron para o recordo unha pequena colección de singles, boa mostra do pop e  do rock de mediados dos anos 70. Mais por esas ironías da vida, a súa canción máis importante "I Love Rock 'n' Roll" hoxe atribúese a Joan Jett, que fixo unha espectacular versión que eclipsou ós autores orixinais.


A ex componente de The Runaways, Joan Jett gravou unha versión coa súa formación Joan Jett & The Blackhearts no seu segundo álbum I Love Rock 'n' Roll (1981) cun éxito rotundo que acabou por borrar a versión orixinal de Arrows da memoria colectiva.


A partir da sona que colleu a versión de Joan Jett, outros artistas comezaron a facer as súas propias versións. Aerolíneas Federales adaptárona ó castelán no seu cuarto disco Échame Sifón (1989) como "Quiero Rock 'n' Roll".


O grupo prefabricado Five sampleou o tema de Alan Merrill en "Everybody Get Up" no seu álbum de debut en 1998. 

martes, 3 de xullo de 2012

Strangelove

O sexto álbum de Depeche Mode Music for the Masses (1987) non defradou ós milleiros de seguidores da banda de Dave Gahan e Martin Gore, que co lanzamento do single promocional "Strangelove", xa se facían á idea de que estaban ante un dos grandes acontecementos do grupo británico, algo que se incrementou co videoclip dirixido polo realizador neerlandés Anton Corbijn. Co tempo, este clásico asinado por Gore é dos máis versionados de Depeche Mode, unha canción habitual en campañas publicitarias e tamén cun ritmo que se presta a ser obxecto de samples.


O rapeiro Ja Rule  introduciu samples de "Strangelove" no seu tema "Life Ain't a Game", da banda sonora de "Fast & Furious"(2001), na que participaba.


E un dos máis espectaculares correspóndese ó da banda de pop dinamarquesa Infernal, que empregou "Strangelove" no seu tema "I Won't Be Crying", do álbum From Paris to Berlin (2004).


luns, 2 de xullo de 2012

7 and 7 Is

En xaneiro de 1967 Love publicaba o seu segundo álbum Da Capo, unha colección de sete cancións que dalgunha maneira xa anunciaba ó seguinte traballo de Love Forever Changes, considerado pola crítica o mellor disco da banda de Arthur Lee e que sairía ó mercado en novembro dese ano. En Da Capo destacan dúas cancións; "Orange Skies" (á que lle prestaremos atención proximamente) e "7 and 7 Is". Asinada por Arthur Lee, "7 and 7 Is" fala da adolescencia e para moitos críticos o seu estilo é un claro exemplo do que deron en chamar "protopunk", debido ó son desgarrador das guitarras.


Unha das cancións que lembran un chisco ó son que Love lle imprimiu a esta canción é "Skeleton Key", dos británicos The Coral. Esta banda formada en 1996 non viu cumprido o seu soño de sacar un disco ata 2002 cando debutaron cun traballo homónimo que colocaría ós seus componentes no centro de tódalas miradas. Singles como "Dreaming of You" e "Shadows Fall" non pasaron desapercibidos para moitos amantes da música, pero nesa ópera prima tamén se atopa "Skeleton Key", un dos temas cun son moito máis duro e sucio; en definitiva unha canción cun claro son Love.