mércores, 19 de outubro de 2011

You're Not Alone

Unha das cancións que máis éxito tivo nas pistas de baile no verán de 1997 foi unha cun título tan orixinal como "You're Not Alone". A interpretación estaba a cargo de Olive, unha formación inglesa composta por Tim Kellett, Robin Taylor-Firth e Ruth-Ann Boyle. O álbum en que aparece, Extra Virgin, publicouse en 1996.


A primeira versión que tivo transcendencia deste clásico dos noventa fíxoa o disc-jockey alemán ATB en 2002. Está recollida no álbum Dedicated.


A versión de ATB non se caracteriza por un cambio de estilo, senón que se mantén bastante fiel ó sonido trip-hop de Olive, algo bastante común nos xéneros enmarcados nesa gran etiqueta chamada dance. Pero se o normal na historia da música é que os disc-jockeys e os artistas procedentes do mundo do rap e o hip-hop se dediquen a versionar éxitos do pop-rock, hai que sinalar que nos últimos anos hai unha tendencia inversa que consiste en adaptar cancións feitas para as pistas de baile a un sonido acústico, sobre todo en Europa. A quen mellor lle foi con este sistema foi ó cantante belga Milow que, grazas a súa versión do tema de 50 Cent "Ayo Technology", fíxose moi coñecido en todo o mundo. Tamén o cantante danés Mads Langer empregou a mesma fórmula co tema de Olive, que apareceu como single o 14 de decembro de 2009.

xoves, 13 de outubro de 2011

Wouldn't It Be Good

Cando a comezos da década de 1980, Europa estaba dominada pola New Wave, que tiña o seu centro neurálxico nas illas británicas, un cantautor procedente de Bristol, Nik Kershaw, ía irrumpir nas listas de éxitos de Europa co seu álbum debut titulado Human Racing, publicado en 1984. Pero foi a finais do ano anterior cando lanzou os primeiros singles. Foi o segundo,"Wouldn't It Be Good", o que lle abriu as portas do éxito en toda Europa.

 http://www.goear.com/listen/9d83c8c/wouldnt-it-be-good-nik-kershaw-nik-kershaw

A finais de 1992, existiu unha versión en español a cargo de Valera, un grupo que se hoxe aínda se recorda é debido precisamente ó exito que tiveron con "Sólo Por Un Día", que é como titularon "Wouldn't It Be Good", no disco Nuevas Versiones.

 http://youtu.be/kh40LVlxVIk

En xuño de 2009, Placebo tamén gravou unha versión do tema de Nik Kershaw que apareceu como cara B do single "Four What It's Worth", do seu último álbum Battle For The Song.


 http://www.goear.com/listen/4f3f985/wouldnt-it-be-good-placebo

mércores, 5 de outubro de 2011

The Tide Is High

O autor desta canción é John Holt, cantante principal dun grupo dos anos 60 chamado The Paragons, que a lanzaron en forma de single en 1967. A canción tivo éxito no seu momento, pero ó cabo duns anos quedou relegada a un total esquecemento, así como The Paragons, que pasaron sin pena nin gloria.

 http://www.goear.com/listen/a28aa9c/the-tide-is-high-john-holt

Unha vez máis, sería unha versión a que rescataría esta canción do ostracismo para convertela nun clásico imprescindible da música. Isto ocorrería en 1980 grazas a unha banda orixinaria de Nova York liderada por unha moza que traballara como coelliña de Playboy, Deborah Harry. Ó ser unha voz feminina a que interpretaba a canción esta vez, adaptouse a letra orixinaria, que estaba na boca dun rapaz. Así a parte que dicía: I 'm just a kind of boy substituiuse na versión de Blondie por: I'm just a kind of girl.O álbum que contiña a versión de The Paragons titúlase Autoamerican.

 http://www.goear.com/listen/45a922a/the-tide-is-high-blondie

As seguintes versións parten da de Blondie, pero non tiveron o éxito suficiente para borrar da memoria colectiva á da banda de Deborah Harry. Quizais a máis recordada sexa a do grupo británico Atomic Kitten, tres mozas que en 2002 lanzaron o seu álbum Feels So Good, que mesmo doblaron ó español para promocionarse en España e Hispanoamérica nunha edición especial do seu álbum de grandes éxitos.

 http://www.goear.com/listen/edbc824/the-tide-is-high-atomic-kitten

E esta é a versión en español, que titularon "Ser Tu Pasión": http://youtu.be/NrNeq30-lRE

venres, 30 de setembro de 2011

Wonderwall

Composta por Noel Gallagher, "Wonderwall" é un clásico dos anos 90; proba disto é a cantidade de versións que se teñen feito dende practicamente a súa publicación no segundo álbum de Oasis What's the Story? Morning Glory, que data de finais de 1995. Xunto co primeiro disco, Definitely, Maybe, son os traballos máis importantes da banda de Manchester.

 http://www.goear.com/listen/40b2cb9/wonderwall-oasis

Xa ó ano seguinte, en 1996, The Mike Flowers Pops realizou unha versión cun son moi orixinal, que incluíron no seu álbum A Groovy Place.

 http://www.goear.com/listen/0e30757/wonderwall-oasis-cover-the-mike-flowers-pops

A canción de Travis "Writing to Reach You" tamén se basea en "Wonderwall", xa que comeza igual. Está incluída no álbum The Man Who (1999).

http://www.goear.com/listen/5cfb680/writing-to-reach-you-travis

En 2004, Ryan Adams gravou a súa propia versión no disco Love is Hell. Esta versión non lle fixo moita a graza a Noel Gallagher, que consideraba que Ryan Adams non lle pedira permiso para publicala.

 http://www.goear.com/listen/b89151c/wonderwall-live-ryan-adams

Ese mesmo ano, Green Day publicou o seu álbum máis maduro ata ese momento, American Idiot, cuxo segundo single "Boulevard of Broken Dreams" contén unha progresión de acordes moi semellantes a "Wonderwall", ata o punto que os irmáns Gallagher a consideran un puro plaxio. En torno a esta polémica, hai quen mesturou ambas cancións para salientar as súas semellanzas. A continuación deixámosvos un remix.

 http://www.goear.com/listen/7c5e8f3/boulevard-of-broken-dreams-greenday

A continuación deixámosvos un remix: http://www.goear.com/listen/e94f2ee/boulevard-of-wonderwall-oasis-green-day

Pero quen lle ía dicir a Green Day, que Simple Plan, pupilos deles, haberían tomar algunhas notas de "Boulevard of Broken Dreams" en "Your Love is a Lie", do álbum epónimo de 2008. Cando se decaten os irmáns Gallagher...

http://youtu.be/IqgeBlUyoKo

mércores, 28 de setembro de 2011

Dancing In The Street

Seguindo na onda dos grupos femininos dos anos 60, outro que tamén foi moi destacado na Tamla Motown foi Martha and The Vandellas. En 1964 publicou o álbum Dance Party que incluía o seu maior éxito "Dancing in the Street", canción composta por Marvin Gaye e William "Mickey" Stevenson.


A primeira versión importante que se fixo deste tema da Motown débese nin máis nin menos que a banda de rock americana Van Halen, co seu consecuente cambio de estilo. Aparecía no álbum de 1982 Diver Down.


Pero a versión máis popular de todas, tanto como para esquecer que a orixinal pertence ó grupo de Martha Reeves, correu a cargo en 1985 de dous grandes da música: Mick Jagger e David Bowie para o movemento Live Aid, acto benéfico organizado por Bob Geldof (The Boomtown Rats) e Midge Ure (Ultravox) contra a fame en África.

venres, 23 de setembro de 2011

Ain't No Mountain High Enough

A canción que hoxe nos ocupa é unha das máis versionadas da discográfica Tamla Motown. Escrita en 1966 por Nickolas Ashford e Valerie Simpson, a canción tivo un enorme éxito en 1967 nas voces de Marvin Gaye e Tammi Terrell, que publicaron un disco conxunto titulado United, onde tamén estaba incluída unha versión da canción de Carson Parks "Somethin' Stupid".

 http://www.goear.com/listen/faa7c08/aint-no-mountain-high-enough-marvin-gaye-y-tammi-terrell

Das versión máis notables que se fixeron desta canción, destaca a que levou a cabo Diana Ross xunto as voces de The Temptations en 1968, nun álbum titulado Diana Ross & The Supremes Join The Temptations, que reunía a dous grupos emblemáticos da discográfica Tamla Motown.


Habería que esperar a 2006 para que despois de innumerables versións, unha canción baseada no tema de Ashford e Simpson a volvese pór de actualidade. O título é "Tears Dry On Their Own" e pertence ó álbum Back To Black da recentemente desaparecida Amy Winehouse.


Curiosamente, a protexida de Amy Winehouse, Dionne Bromfield, versionou "Ain't No Mountain High Enough" no seu disco de debut Introducing Dionne Bromfield, publicado en 2009.


xoves, 15 de setembro de 2011

Walking On A Dream

O ano 2009 estreábase coa aparición na escena musical dun dúo australiano baixo o nome de Empire Of The Sun, igual que a novela de J. G. Ballard. Os seus componentes, Luke Steele e Nick Littlemore publicaran o seu álbum de dedut a finais de 2008, Walking On A Dream, cun estilo que revolucionaba o electropop e que seguía a estela de MGMT, outro dúo, neste caso procedente de Nova York, que en 2008 recibira a louvanza da crítica. A canción que lle daba título ó album foi elixido como primeiro single.


Tamén en 2009 facía o seu debut no panorama musical un mozo procedente de Wembley, Gary Baker, que gravou o seu álbum nos estudos que empregaba habitualmente Frank Sinatra. Co nome artístico de Gary Go, o álbum homónimo contiña éxitos coma "Wonderful", "Brooklyn" e "Open Arms", que profetizan unha traxectoria máis que interesante para este intérprete.
Malia a que o seu estilo non ten moito que ver co de Empire Of The Sun, Gary Go interpretou algúns temas dos australianos en versión acústica, que non quedaron nada mal.

martes, 13 de setembro de 2011

We Used To Know

En 1968 fundouse en Blackpool, Gran Bretaña, unha das bandas de rock progresivo máis importantes de todos os tempos. Estamos a falar de Jethro Tull, a banda de Ian Anderson, que lle debe o nome ó inventor da primeira máquina agrícola sementeira que tanto contribuiu á Revolución Industrial. Sacaron o seu primeiro álbum ese mesmo ano This Was cun éxito relativo que se confirmaría ó ano seguinte coa publicación do álbum Stand Up, onde estaba recollida a canción "We Used To Know".


Na xira de presentación deste segundo traballo, Jethro Tull levaban de teloneiros unha banda estadounidense que se estaba dando a coñecer, Eagles, que a comezos de 1977 publicou o álbum Hotel California, onde a canción que lle dá nome ó disco ten unha melodía moi similar á de Jethro Tull. De feito, Ian Anderson deixou caer ocasionalmente que se trataba dun posible plaxio, aínda que non foi máis alá desas insinuacións. Nin que dicir ten que "Hotel California" é a canción máis emblemática de Eagles e se converteu nun clásico do rock.

 http://www.goear.com/listen/739fd16/hotel-california-the-eagles