martes, 8 de maio de 2012

I Can't Go for That (No Can Do)

Daryl Hall e John Oates formaron un dos dúos máis influentes durante os últimos anos dos 70 e comezos dos 80. Hall & Oates son hoxe recoñecidos sobre todo polo seu trallazo "Maneater" que aínda soa nas radiofórmulas de medio mundo. No entanto, deixáronnos unha colección de boas cancións á sombra de "Maneater", como é "I Can't Go for That (No Can Do)" que convén descubrir. Este tema en concreto atópase no disco de 1981 Private Eyes e, ademais  das versións, esta canción foi sampleada en numerosas ocasións especialmente por artistas de hip-hop. Con todo, a súa influencia está presente mesmo nalgunha canción que pode sorprendernos.


Polo visto, durante a gravación de "We Are The World", cantado por un sinfín de artistas a mediados dos anos 80 con fins benéficos impulsado por Michael Jackson, este confesoulle a Daryl Hall que empregara para "Billie Jean" do exitoso Thriller (1983), algunhas notas do baixo de "I Can't Go for That (No Can Do)".


Para acabar, deixámosvos a canción de Simply Red "Sunrise" do álbum Home (2003) onde Mick Hucknall emprega claramente un sample da canción de Hall & Oates.

luns, 7 de maio de 2012

Baby, I Love Your Way

Peter Frampton é un dos músicos que soubo labrarse unha carreira en solitario chea de éxito tras abandonar os grupos en que se formou, algo que non sempre se consegue. Non obstante, despois de cinco discos con Humble Pie, Frampton decidiu que era hora de voar só e en 1972 co apoio de Ringo Starr e Billy Preston publicou o seu primeiro álbum, aínda que non sería ata 1975 con Frampton, o seu cuarto traballo discográfico, cando Peter Frampton asinaría a súa canción máis emblemática: "Baby, I Love Your Way", canción que volvería gravar o ano seguinte para un álbum en directo Frampton Comes Alive!


A versión máis popular de "Baby, I Love Your Way" corre a cargo dun grupo xamaicano que, como non podería ser doutro xeito, deulle á canción de Peter Frampton o característico estilo reggae de Xamaica. Big Mountain acadou o recoñecemento internacional con esta versión incluída no seu disco Unity (1994).

venres, 4 de maio de 2012

Mary Jane's Last Dance

Tom Petty e a súa banda The Heartbreakers acababan de conseguir un éxito inusitado con "Free Fallin'" e de editar un novo disco en 1991 sen tanta sona cando en 1993 decidiron publicar un álbum de grandes éxitos  producido entre outros por Rick Rubin e Dave Stewart. Este recompilatorio contén unha canción inédita: "Mary Jane's Last Dance".


Se en 2001 Tom Petty tivo a ocasión de comprobar que The Strokes se inspiraban demasiado nun dos seus temas para o seu debut, cinco anos despois volveu experimentar algo semellante cos acordes de "Dani California", o single de presentacion de Stadium Arcadium (2006), noveno traballo discográfico de Red Hot Chili Peppers. O parecido pode deberse a que ámbalas dúas cancións comparten produtor, Rick Rubin.

xoves, 3 de maio de 2012

Ahora sé que estás

Despois de deixar atrás a súa  exitosa etapa con Diego Vasallo en Duncan Dhu e triunfar co seu primeiro disco en solitario Naufragios, Mikel Erentxun sacaba ó mercado o seu segundo traballo discográfico El Abrazo del Erizo (1995), onde o donostiarra endurecía o seu son e deixaba algo de lado esa imaxe anxelical á que nos tiña acostumados. "Ahora Sé Que Estás" é a canción na que colabora á súa irmá Leire.


2006 foi o ano en que Pignoise, unha banda punk que se movía polos circuitos alternativos deu un paso decisivo para convertirse nun grupo puramente mainstream grazas á serie de televisión Los Hombres de Paco, na que se encargaron da banda sonora con "Nada Que Perder", baseado no tema de Erentxun. Ata daquela Pignoise era máis unha banda máis coñecida para a xente pola historia do seu líder Álvaro Benito que pola súa música. E é que Álvaro tiña un futuro prometedor como futbolista; procedente da canteira do Real Madrid e da mesma xeración que Raúl González e Guti, chegou a debutar na selección Sub-21, pero unha gravísima lesión e as posteriores recaídas fixeron que o seu hobby á música se convertise no seu modo de vida. "Nada Que Perder" aparece no seu terceiro disco Anunciado en televisión (2006), que é o primeiro que gravaron estes admiradores de Green Day cunha discográfica multinacional.

mércores, 2 de maio de 2012

Hitch Hike

O estandarte da Tamla Motown Marvin Gaye acrecentaba a súa sona como cantante de R&B emblemático cada vez que sacaba un single. "Hitch Hike", de 1962 e que aparecería no disco That Stubborn Kinda Fellow dese ano é unha boa mostra, tanto que resulta ser unha das súas cancións máis influentes. 


A primeira canción que atopamos baseada no tema de Marvin Gaye é "You Can't Do That" de The Beatles incluída en A Hard Day's Night (1964) asinada por John Lennon.


En calquera caso, "Hitch Hike" tivo as súas propias versións. A máis destacada é a de The Rolling Stones en 1965 do álbum Out of Our Heads.


O riff de guitarra que emprega Keith Richards nesta versión serviu de inspiración para outra gran canción doutra gran banda. The Velvet Underground,  o grupo de Lou Reed, John Cale e Nico auspiciado por Andy Warhol, gravou "There She Goes Again" en1967 para o disco The Velvet Underground & Nico, pero non serían os últimos. Johnny Marr, guitarrista de The Smiths, admitiu que se baseou no riff dos Stones en "Hitch Hike" para a canción "There Is a Light That Never Goes Out", que xa tivemos de visita polo blog.


Por último, queremos deixarvos a versión do tema de The Velvet Underground que gravou REM en 1983 como cara B do single "Radio Free Europe" e que aparecería no compilatorio de 1987 Dead Letter Office.

luns, 30 de abril de 2012

Blue Monday

As cancións que che traemos hoxe tratan todas do mesmo. Están dedicadas ó luns, o dia da semana que menos simpatías levanta. E tanto é así que serviu de inspiración a moitos artistas. O primeiro autor  en acordarse da tristeza que lle producía os luns foi Dave Bartholomew a comezos dos anos 50 e que Smiley Lewis gravou en 1954. Esa mesma canción, "Blue Monday",  popularizouna Fats Domino en 1956.


Na década seguinte, a canción sobre os luns por excelencia escribiuna John Phillips para The Mamas & the Papas para o disco If You Can Believe Your Eyes and Ears (1966).


En 1979 a banda de Bob Geldof Boomtown Rats, publicou "I Don't Like Mondays" do seu disco The Fine Art of Surfacing, unha historia baseada nun tráxico suceso que conmocionou á opinión pública. Unha nena cometeu un crime e cando lle preguntaron por que o fixo, respondeu que non lle gustaban os luns.


Na década de 1980 para que apareceron novas cancións sobre os luns que quedarían para a  historia. A primeira en 1983 de New Orde,r titulada tamén como "Blue Monday".


A última, de 1986, é de The Bangles, un grupo de pop-rock americano que no seu segundo disco Different Light  incluían  "Manic Monday". Escrita por Prince, foi un dos maiores éxitos da banda de Susanna Hoffs. 

venres, 27 de abril de 2012

Life in a Northern Town

A moitos artistas e grupos acontécelles que tras debutar cun éxito fulgurante acaban por caer no esquecemento máis absoluto. Parece que as circunstancias non lles perdoan non poder cumprir as expectativas que se esperaban deles. Unha desas bandas que corroboran isto é The Dream Academy, grupo londinense de folk rock que en 1985 debutaron cun disco homónimo producido nin máis nin menos que polo compoñente de Pink Floy  David Gilmour e no que colaboraba Peter Buck, guitarrista de REM. O álbum abríase con "Life in a Northern Town", o éxito co que o grupo de Gilbert Gabriel e Nick Laird-Clowes pasarían á posterioridade.


En 1997 formouse en Gran Bretaña o grupo de dance Dario G que se presentaba en sociedade co seu pegadizo "Sunchyme", que empregaba a canción de The Dream Academy como sample, e que batería recórds nas pistas de baile. En 1998 aparecería no primeiro disco de Dario G Sunmachine. O videoclip desta canción é quizais dos máis fermosos dese ano.

xoves, 26 de abril de 2012

Metal Guru

T. Rex tivo que sobrepoñerse o gran éxito que supuxo "Get It On" e fíxoo co disco The Slider (1972), que tamén contou coa produción de Tony Visconti. Marc Bolan, que atravesaba un gran momento creativo, compuxo tódalas cancións do álbum, que se abría con "Metal Guru".

http://www.goear.com/listen/eb6eb93/metal-guru-1972-t-rex

En setembro de 1987 publicábase o que sería o derradeiro disco de estudio na carreira de The Smiths Strangeways, Here We Come, pero uns meses antes a banda de Morrisey e de Johnny Marr editaban unha recompilación de singles e caras B que titularon The World Won't Listen. O primeiro corte deste álbum é "Panic", single que xa aparecera no mercado no verán de 1986, baseado en "Metal Guru".


Fanny + Alexander é un  dúo composto por Efi Arias e Noel Feáns de música electrónica. En 2006 publicaron o seu primeiro disco Lusco e Fusco e tan só un ano despois editaron o seu segundo longo Finais dos 70s, Comezos dos 80s onde afondan na experimentación electrónica seguindo a liña do seu debut. A maioría das canción son poemas de autores galegos contemporáneos musicalizados por estes dous rapaces de Santiago de Compostela. Destaca espercialmente "María Silenzo", de Ricardo Carballo Calero e "Postpunkdeirada" de Lois Pereiro. Mais entre esta colección de poemas, hai que salientar a adaptación que fixeron de "Panic" titulada "Pánico (merda de DJ)" , a única canción cuxa letra non está asinada por un poeta galego.