xoves, 30 de xuño de 2011

The Happening

The Supremes foi un dos grupos femininos máis importantes da década dos 60 e un dos emblemas da Motown. Composto por Mary Wilson, Florence Ballard e a carismática Diana Ross, The Supremes chegou a colocar boa parte dos seus éxitos no número un das listas de medio mundo. En 1967, colaboraron na banda sonora da comedia "The Happening" cunha canción homónima escrita por Lamont Dozier e os irmáns Brian e Edward Holland, compositores habituais dos temas da Motown.

 http://www.goear.com/listen/b98e0f2/the-happening-the-supremes

En 1990, o grupo Greta y los Garbo, que se formara un ano antes en Valladolid coas irmás Beatriz, Belén e Sara González xunto a  Ignacio Gómez, publicou o seu álbum de debut ¡Menuda fiesta! e a canción que lle daba título é unha divertida versión do tema de The Supremes.

 http://www.goear.com/listen/5df9cd6/menuda-fiesta-greta-y-los-garbo

venres, 17 de xuño de 2011

Soul Makossa

Se hai algo de bo no feito de que a música se recicle mediante samples e plaxios é que serve para rescatar do esquecemento a artistas e grupos dos que ninguén se lembra. Agora ben, as omisións que ás veces se producen destes artistas cando escoitamos as súas composicións renovadas non deixan de ser unha inxustiza cos autores orixinais. Algo así é o que lle aconteceu a Manu Dibango, un saxofonista camerunés, que en 1972 logrou un éxito insólito co seu debut "Soul Makossa", que aparecera como cara B do single "Mouvement Ewondo", himno da selección camerunesa de fútbol para a Copa de África dese ano. Non nos diredes que non vos resulta familiar:


Efectivamente, quizais a canción maís famosa que incluíu o popular retrouso de "Soul Makossa" e que serviu para perpetuala no tempo, é a de Michael Jackson "Wanna Be Startin' Somethin'", do fantástico Thriller, de 1982.

 http://www.goear.com/listen/2eb4150/wanna-be-startin-somethin-michael-jackson

 Pero os que máis se aproveitaron da canción de Manu Dibango foron os artistas de hip-hop: Fugees, Will Smith, Jay Z, Eminem e mesmo recentemente Kayne West, no seu último disco My Beautiful Dark Twisted Fantasy, do ano pasado, introduce o famoso retrouso ó final da canción "Lost In The World". Tamén o rapeiro de Torrejón de Ardoz, El Chojin, no álbum de 2005 8jin, recuperaba a "Soul Makossa" no tema "Algo más que música", coa colaboración de Donpa.

 http://www.goear.com/listen/072d2e3/algo-mas-que-musica-chojin-and-donpa

"Soul Makossa" non é unha canción relegada só o mundo do hip-hop. A banda norteamericana de rock alternativo Bloodhound Gang tamén empregou o tema de Manu Dibango en "Mama Says", do álbum Use Your Fingers (1995).

 http://www.goear.com/listen/4d310f2/mama-say-the-bloodhound-gang

No entanto, neste novo século, se "Soul Makossa" segue de moda, é grazas sen dúbida á canción de Rihanna "Please, Don't Stop The Music", do álbum Good Girl Gone Bad (2007).

 http://www.goear.com/listen/6037b18/dont-stop-the-music-rihanna

Este tema tan popular, tivo unha versión impresionante a cargo de Jamie Cullum no álbum de 2009 The Pursuit, xa sen recorrer a "Soul Makossa".

 http://www.goear.com/listen/940c785/dont-stop-the-music-jamie-cullum-


martes, 7 de xuño de 2011

Computer Love

O devir da música pop-rock sempre estivo marcado por dous eixos: Gran Bretaña e os Estados Unidos. Nestes dous lugares desenvolvéronse as principais tendencias que afectarían ós diferentes estilos da música en todo o mundo, por iso sempre se sinalaron como referentes. Pero a mediados dos anos 70, cando os sintetizadores empezaron a ser uns intrumentos bastante frecuentes nas producións discográficas de artistas e grupos que buscaban un novo son, a hexemonía entre o Reino Unido e os Estados Unidos desprazouse ó vello continente europeo. Jean Michel Jarre, en Francia, e Kraftwerk en Alemaña sentaron as bases do que se acabaría coñecendo como electropop e techno. Concretamente, o grupo de Düsseldorf formado en 1970 por Ralf Hutter e Florian Schneider converteuse na referencia principal da música electrónica e o seu sonido influíu decisivamente en movementos posteriores como a new wave dos oitenta; New Order, Ultravox, Depeche Mode, Visage, Erasure, entre outros, reflicten á perfección o sonido Kraftwerk.

En maio de 1981, Kraftwerk lanzou o seu oitavo álbum Computerwelt, que en inglés se publicaría como Computer World, e na cara B, o primeiro corte era "Computerliebe", coñecido no resto do mundo como "Computer Love".

 http://www.goear.com/listen/beb8d7b/computer-love-kraftwerk

O certo é que a influencia de Kraftwerk non só se limitou á música electrónica, senón que tamén é unha constante no pop-rock máis convencíonal, á parte de que tres décadas despois da formación da banda alemá, o seu sonido segue presente aínda hoxe, como ben sabe Chris Martin, líder de Coldplay. A banda inglesa publicou en 2005 o seu álbum X & Y, que contén a canción "Talk".

 http://www.goear.com/listen/2a508aa/talk-coldplay