Outra das grandes bandas de rock que viu truncada a súa traxectoria moi cedo pola morte repentina do seu carismático líder é The Doors. E é que a banda de Jim Morrison, cuxa actividade musical non chegou tan sequera a unha década de vida, figura con letras maiúsculas no desenvolvemento do rock psicodélico e o seu legado proxecta unha sombra moi ampla en calquera faceta musical. Pódese dicir que o paso de The Doors pola historia do rock foi breve, pero moi, moi intensa. Un dos discos que serviron para enaltecer a Jim Morrison é o terceiro na conta particular de The Doors Waiting for the Sun (1968), que se pechaba con "Five to One".
Á marxe das versións, "Five to One" ten un riff bastante marcado que influíu de maneira notoria en cancións posteriores de grupos que tiveron a The Doors como fonte de inspiración. Un deles foi Kiss, que se basearon nese son de "Five to One" no seu tema "She" do álbum Dressed to Kill (1975).
Tamén se di que a partir do son da canción de Kiss, Eddie Vedder e Stone Gossard compuxeron o riff do tema "Alive", do álbum Ten (1991), o debut de Pearl Jam; e tamén un dos momentos decisivos para a irrupción do grunge en todo o mundo.
Xa para ir rematando, a moi poucos se lles escapou que "Waiting for the Rapture" do derradeiro álbum de estudio de Oasis Dig Out Your Soul (2008) lembra demasiado a "Five to One", algo que tampouco sorprende gran cousa, pois xa estamos acostumados a que as influencias musicais de Noel Gallagher paséanse ás veces polos temas de Oasis cunha evidencia máis que notoria. En fin, que todo sexa por non esquecer nunca a bandas tan grandes como The Doors ou The Who, etc, que tanto fixeron pola música contemporánea e que nunca deberían estar condenados ó esquecemento das xeracións máis novas.