mércores, 18 de xaneiro de 2012

Comme d'habitude

Como moitos artistas tras un fracaso sentimental, Claude François compuxo unha balada que fala do desamor. O resultado foi "Comme d'habitude" escrita coa axuda de Jacques Revaux.  Está dedicada á cantante France Gall, coa que Claude rompera. Publicouse en 1967.


Ese ano, Paul Anka elixira Francia como destino de vacacións e alí non lle pasou desapercibida a canción de Claude François, tanto que comprou os dereitos da canción para adaptala ó inglés, aínda que ó principio non lle concedeu moita importancia. Xa de volta en Estados Unidos, ó ver que o seu gran amigo Frank Sinatra estaba pasando un mal momento persoal, Anka sentiuse inspirado para compoñer a letra da nova versión, aínda que esta pouco tiña que ver coa de François. Foi así como naceu "My Way", que se convertiría en todo un clásico na voz de Frank Sinatra en 1969.


Sería unha tarefa interminable enumerar tódalas versións que se fixeron de "My Way" dende o momento da súa publicación porque abarca a un conxunto de artistas e grupos de estilos moi variados que levaron "My Way" ó seu propio terreo. Desde a versión que fixo o propio Paul Anka, a de Aretha Franklin, a de Elvis Presley, a de Cliff Richards, a de Nina Simon e a de Joan Baez ata as versións rockeiras de Pearl Jam e Los Piratas, as máis punks a cargo de Sid Vicious e Green Day, sen esquecer a de Radiohead e a máis hip-hopeira de Kanye West. Mesmo Andrés Calamaro se atreveu a darlle un aire reggae no seu disco de caras B Las otras caras de Alta Suciedad. E que dicir da interpretación dos Tres Tenores? A letra tamén se adaptou ó español como "A Mi Manera", que cantaron Julio Iglesias e Raphael respectivamente. E esta é tan só unha pequena mostra.

Mais a intrahistoria de "My Way" non remata aquí. En 1968, un ano antes de que Sinatra gravase a gran versión, un compositor de nome Davy Jones tampouco se resistiu o encanto de "Comme d'habitude" e fixo unha adaptación ó inglés que Frank Sinatra acabou rexeitando en favor da versión de Anka. Titulábase "Even a Fool Learns To Love" e que pouco despois, ese mesmo compositor baixo o seu nome artístico, David Bowie, gravaría.

 http://youtu.be/4b06WRq566Y

A decepción que lle causou a Bowie o rexeitamento da súa versión fixo que creara unha parodia de "My Way" que se convertiría nun dos éxitos máis aclamados de Bowie: "Life on Mars?", que se publicaría no álbum de 1973 Hunky Dori e que tamén sería moi versionado.
http://youtu.be/v--IqqusnNQ

Das versións de "Life on Mars?" imos quedar agora coa que fixo Tino Casal, un dos artistas máis innovadores que deu o panorama español nos anos 80. Esta versión aparece no álbum de debut do asturiano Neocasal, de 1981.

 http://youtu.be/0LOwXfcaCU4

venres, 13 de xaneiro de 2012

Sweet Home Alabama

Neil Young compuxo a comezos dos setenta dúas cancións "Southern Man" e "Alabama" onde non deixa moi ben parada a sociedade sureña dos Estados Unidos tachándoa pouco menos de racista. A primeira delas apareceu no álbum After The Gold Rush, de 1970 cando Young formaba parte do supergrupo Crosby, Still, Nash & Young; e a segunda  está recollida no álbum Harvest, de 1973, cando xa Neil Young retomara a súa carreira en solitario. Quedamos agora con esta última.


Ronnie Van Zant, natural de Florida, líder da banda Lynyrd Skynyrd e admirador acérrimo de Young sentíase doído da actitude que o seu ídolo mostraba nas súas cancións cara os estados sureños e desa xenreira naceu o que sería o éxito máis importante da súa banda "Sweet Home Alabama" como réplica ás letras de Young. A canción recóllese no álbum de 1974 Second Helping, e tivo unha enorme repercusión no cine, na televisión e na publicidade. Empregouse como banda sonora orixinal dunha película co mesmo título, aparece nun capitulo dos Simpson e é un dos temas máis versionados.

 http://www.goear.com/listen/1bd90f8/sweet-home-alabama-lynyrd-skynyrd

Baseada nesta historia entre Ronnie Van Zant e Neil Young, o grupo de country alternativo e rock sureño procedente de Athens, e con membros de Alabama Drive-By Truckers recollían no seu dobre álbum conceptual de 2001 Southern Rock Opera o tema "Ronnie and Neil". Hai que indicar que o álbum xira precisamente en torno a historia de Lynyrd Skynyrd.

 http://youtu.be/wrG5_2-OH8c

En 2007, Kid Rock facíalle a súa particular homenaxe a "Sweet Home Alabama" na canción "All Summer Long", do seu álbum Rock N Roll Jesus, cos acordes máis emblemáticos da canción de Lynyrd Skynyrd.

 http://youtu.be/uwIGZLjugKA

Pero agora imos quedar coa versión española de "Sweet Home Alabama" , que correu a cargo do grupo vigués Siniestro Total e que se realizou tan só dez anos despois da publicación do álbum de Lynyrd Skynyrd. Está no álbum de 1984 Menos Mal que nos Queda Portugal e leva o título en galego "Miña Terra Galega". Naturalmente, a letra de Julián Hernández non fala de Alabama senón de Galicia e, se no estado sureño "os ceos son azuis", en Galicia "o ceo é sempre gris". A canción recolle tódolos tópicos que se lle atribuén a Galicia comezando coa emigración e a morriña; a voz narradora é a dun emigrante nunha illa do Caribe que acha de menos a súa terra; para despois ir enumerando toda unha sucesión de imaxes típicas galegas, sen renunciar á retranca, tamén moi característica destes lares.

 http://youtu.be/pg5dLHef2oc





martes, 10 de xaneiro de 2012

If I Could Fly

Joe Satriani está considerado un dos guitarristas maís importantes da historia e, de feito, ocupa o posto 26 na lista que elaborou a revista Rolling Stone hai uns anos sobre guitarristas. A fama deste músico non é para menos, xa que dende o lanzamento do seu primeiro traballo, un EP titulado The Joe Satriani EP xa se podía advertir o dominio que posúe de diversas técnicas de execución que o converteron en todo un virtuoso da guitarra. Non obstante, a pesar da súa dilatada traxectoria ofrecendo álbumes cada pouco tempo de rock instrumental, o nome de Joe Satriani saltou os medios en 2008, ó mesmo tempo que a súa peza "If i Could Fly"  Is There Love in Space?  (2004) era obxecto de atención na escena musical.


O motivo  que espertou este interese debeuse ó segundo single do álbum de Coldplay Viva la Vida or Death and All His Friends" , de 2008,  "Viva la Vida" no que Satriani atopou acordes demasiado similares ós que el empregara en "If I Could Fly".

 http://www.goear.com/listen/eed0dd9/viva-la-vida-coldplay

Tamén Cat Stevens se sumou á polemicar ó denunciar que "Viva la Vida" era un plaxio do seu tema "Foreigner Suite" do álbum Foreigner (1973) aínda que perece haber menos parecido que coa canción de Satriani.

http://youtu.be/XomBtsNY_zQ

mércores, 4 de xaneiro de 2012

All Your Love (I Miss Loving)

Otis Rush é un cantante de blues procedente de Filadelfia que, coa seu particular xeito de toca-la guitarra, creou o que se deu en chamar o West Side Chicago blues e que influiu de maneira decisiva en artistas posteriores coma Eric Clapton, quen versionou algún das súas cancións. "All Your Love" é unha das súas composicións máis recoñecidas.  Saiu como single en 1958 co sello Cobra e nos músicos de sesión que interviñeron na gravación destaca Ike Turner á guitarra.  Foi versionada en numerosas ocasións; as máis importantes foron a de Aerosmith en 1977, Gary Moore en 1990 e a máis recente a dos veteranos Steve Miller Band en 2010.


Á parte destas versións, que elevaron as composicións de Rush á categoría de clásicos do blues, "All Your Love" tamén é moi recordada pola influencia que tivo noutras cancións que o tempo convertiu en imprescindibles de calquera repertorio de música moderna, malia a que a referencia a Rush non sempre foi moi recoñecida. A primeira delas refírese a popularísima "Black Magic Woman", escrita por Peter Green, un dos fundadores de Fleetwood Mac e que apareceu no álbum de 1968 English Rose, dous anos antes de que Fleetwood Mac pechase a súa primeira etapa marcada polo blues e incorporase como vocalista a Stevie Nicks, que se acabaría convertendo na voz que caracterizase toda a carreira posterior de Fleetwood Mac.


"Black Magic Woman" non suporía un éxito masivo para Fleetwood Mac, entre outras cousas porque dous anos despois o guitarrista mexicano Carlos Santana faría unha espectacular versión que o catapultaría á fama, ata o punto de asociar a canción como orixinal súa. O mérito de Santana débese a que a nova versión está combinada con "Gypsy Queen", unha canción de 1966 do músico húngaro Gábor Szabó, mesturada con ritmos latinos e sons procedentes do jazz. O efecto resultante é unha amálgama de estilos diversos que crean unha peza única. Inclúese no álbum Abraxas (1970).

  http://www.goear.com/listen/3bc99b3/black-magic-woman-santana

Pero volvamos de novo á canción de Rush. "All Your Love" aínda serviría de base en 2009 para unha nova composición de toda unha lenda da música folk. E é que, nin máis nin menos que Bob Dylan, fonte inagotable de inspiracións para outros artistas e que tamén soubo aproveitar as melodías da música tradicional, publicaba ese mesmo ano o álbum Together Through Life que incluia a canción "Beyond Here Lies Nothin'" cun parecido sospeitoso a "All Your Love".

 http://www.goear.com/listen/2fac486/beyond-here-lies-nothing-bob-dylan

venres, 30 de decembro de 2011

It's a Man's Man's World

James Brown é un dos referentes da música soul e o R&B, ademais de estar considerado o creador do funk. Non deixaba indiferente a ninguén nos seus concertos, cargados dun ritmo electrizante. Cancións  como "I Got You (I Feel Good)" e "Get Up (I Feel Like Being a) Sex Machine" serán recordadas sempre, sobre todo porque foron popularizadas tanto no cine coma na televisión. Pero hoxe imos a ocuparnos doutro dos seus clásicos: "It's a Man's Man's World", incluído no álbum homónimo publicado en 1966. Escrita polo propio James Brown e Betty Jean Newsome, baséase nas observacións de Betty sobre as relacións entre sexos. O título é unha parodia dunha comedia de 1963 titulada "It's a Mad  Mad Mad Mad World".


As versións que se fixeron desta canción son innumerables. Artistas como Tom Jones, Seal, Joss Stone, Cher, Van Morrison e Etta James entre outros moitos artistas gravárona nalgún dos seus discos (En Espña destaca a adaptación que fixeron Los Tamara), e mesmo serviu como sampling de cancións de Alica Keys e Macy Gray. Non obstante, ímosche presentar a canción de Neneh Cherry "Woman", incluída no seu álbum de 1996 Man, que constitúe unha réplica á canción de Brown, tomando á súa base. A irmá de Eagle Eye Cherry e Titiyo gañara popularidade dous anos antes tras colaborar co músico senegalés Youssou N'Dour na canción "Seven Seconds", de contido antirracista, malia a que Neneh Cherry comezara a súa carreira profesional a comezos dos anos 80.

 http://youtu.be/z0W212af1uk

"It's a Man's Man's World" tamén serviu de base para o primeiro gran éxito de Alicia Keys "Fallin'", do seu debut Songs in A Minor, de 2001.

http://www.goear.com/listen/c7076f6/fallin-alicia-keys

mércores, 28 de decembro de 2011

Hush

Joe South é un cantautor americano de country e folk que tivo o seus maiores éxitos entre os anos 60 e 70 con cancións coma "You're the Reason" e "Games People Play", pero ademais compuña para outros artistas. Un deles é Billy Joe Royal, que en 1967 gravou o single "Hush" baixo a produción do propio South. A canción alcanzou o posto 52 no Billboard.

 http://youtu.be/RMQB0KiSfxM

A primeira versión que acadou notoriedade débese á banda inglesa de heavy metal Deep Purple, que a incluíron no seu álbum de 1968 Shades of Deep Purple, tan só un ano despois do lanzamento de Royal e foi elixida como single para o mercado americano. Vinte anos despois, Deep Purple volveuna gravar con motivo do seu vixésimo aniversario, e coa voz de Ian Gillan, que substituiu ó cantante orixinal Rod Evans en 1969.


En 1997, a banda  inglesa de rock psicodélico Kula Shaker, liderada por Crispian Mills, lanzou como single unha nova versión da canción de Joe South tralo éxito que acadou un ano antes a publicación do seu álbum de debut K. A irrupción de Kula Shaker supuxo a apertura ó britpop da influencia da cultura india, seguindo os pasos que comezara George Harrison alá polos anos 60 e 70. A versión de Kula Shaker de "Hush" foi incluída na banda sonora da película xuvenil Sei o que fixeches o último verán.

 http://youtu.be/wh7r_f_rw0c

venres, 23 de decembro de 2011

A Case Of You

A comezos da década de 1970, a cantautora canadense Joni Mitchell estreaba o seu cuarto disco Blue, un dos máis exitosos na súa carreira e que contiña a excepcional canción que agora che presentamos "A Case Of You", que a consolidou como unha das compositoras de referencia da música folk do seu país. Nesta composición colabora James Taylor tocando a guitarra acústica.

  http://youtu.be/6voJjexENok

As cancións de Joni Mitchell foron versionadas en moitas ocasións por grupos e artistas que seguiron a súa mesma liña musical, como por exemplo Counting Crows e a versión que fixeron xunto con Vanessa Carlton de "Big Yellow Taxi", quizais a súa canción máis versionada xunto coa propia "A Case Of You". Por iso sorprende que neste 2011 que agora se despide, unha das revelacións do ano como foi o cantante ingés James Blake, que se presentou na escena musical cun disco de debut que resultou ser dos mellores de música electrónica do último ano, fixese unha versión deste clásico folk. Grabada en principio para Radio 1 da BBC, inclúese agora no EP Enough Thunder, unha edición especial do seu álbum homónimo.

 http://youtu.be/IG2E3qyFqsw

martes, 22 de novembro de 2011

Time Warp

Eddy Grant sempre será coñecido polos seus  maiores éxitos "I Don't Wanna Dance", "Electric Avenue" e sobre todo por ese himno dedicado a Sudáfrica "Gimme Hope Jo'anna", todos da década dos 80, dez anos despois de comezar a súa carreira en solitario, tralo paso por The Equals, a banda que fundara sendo un adolescente. "Time Warp", que se incluía no seu álbum homónimo de 1983, estaba esquecida ultimamente ata que en 2010, grazas a Gorillaz, volveu á primeira liña das noticias musicais.

 http://youtu.be/UHx3E_mea4U

O caso é que o terceiro álbum da banda virtual Gorillaz, Plastic Beach, tiña como primeiro single a canción "Stylo", cuxas bases eran moi similares ás de "Time Warp". De feito, o propio Eddy Grant non dubidou en acusar a Damon Albarn, quen en realidade está detrás do proxecto de Gorillaz, de plaxio descarado da súa canción. Está é a primeira polémica importante na que se ve envolto o líder de Blur coa súa banda virtual, tras embarcarse no grupo The Good, The Bad and The Queen en 2006 xunto con outros importantes músicos coma Simon Tong, que fora guitarrista de The Verve e Paul Simonon, ex baixista de The Clash.

 http://youtu.be/nhPaWIeULKk